Escoitar

O I Festival Internacional "Cidade de Vigo" contará con músicos de todo o mundo

O Concello apoia este certame que comeza hoxe xoves 9 de febreiro incluíndo dous dous ciclos: o I Festival Xoves Clásicos de Vigo e o I Concurso Internacional de Piano "Cidade de Vigo". O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, sinala que o evento situará á urbe como un referente da música clásica.

xoves, 9 feb 2017
1486651238juevesclasicos.JPG
O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentou este xoves xunto a Pablo Galdo o I Festival Internacional "Cidade de Vigo" que organiza e promove a Asociación de Música Clásica de Galicia (AMCG) e que "está chamado a ser un dos eventos máis importantes da cidade e de Galicia dentro da música clásica".

O festival inclúe o ciclo I Festival Internacional "Xoves clásicos de Vigo", conformado por concertos en pequeno formato, que se celebrarán desde hoxe xoves e ata o 6 de abril no Auditorio "Martín Códax" do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O festival nace coa idea de ofrecer un programa variado e de calidade, coa participación de reputados intérpretes nacionais e internacionais. Así, o concerto inaugural correrá a cargo da soprano Marta de Castro, xunto ao pinanista Ricardo Francia. Outros artistas como Margherita Marseglia, Miquel Pérez Perelló, Scaramuccia Ensemble, Josu de Solaun, Cuarteto Compostela, András Kemenes, Jesús Reina, Bobby Chen e La Bellemont Ensemble, completan o cartel de concertos desta primeira edición. As entradas están á venda no servizo de Ticketea."

Ademais, o programa inclúe o I Concurso Internacional de Piano "Cidade de Vigo" que contará cun xurado de prestixio e que terá, segundo Cayetano Rodríguez, unha capacidade de convocatoria ampla para "converterse nunha cita destacada". Desenvólvese entre o 9 e o 12 de abril e o prazo de inscrición finaliza o 1 de marzo de 2017. Para o edil de Cultura, o compromiso adquirido polo Concello con este I Festival Internacional "Cidade de Vigo" é de "primeira magnitude" e recolle unha demanda cidadá.

Pablo Galdo, presidente da Asociación de Música Clásica de Galicia e director artístico do Festival agradeceu o apoio municipal e destacou a presenza de Josep Coló, un dos grandes pianistas españois, que ofrecerá o concerto inaugural do concurso de Piano. A súa presenza, apunta, poñerá a Vigo e ao certame no punto de mira de Europa e adiantou que o concurso contará con músicos participantes chegados de todo o mundo.
Descargar todas as imaxes