Escoitar

Manel Fernández dá o bandeirazo de saída ao Galiexpo Motor Show, "un evento de referencia e xa consolidado"

O Concello de Vigo, por medio do seu concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe a undécima edición de Galiexpo Motor Show, a "meirande feira do motor do norte peninsular", segundo foi definida en sala de prensa e que está prevista para esta fin de semana.

xoves, 9 feb 2017
1486658083galiexpo.JPG
"Xa roxen os motores", certificou o edil socialista, que un ano máis presentou o certame acompañado por responsables da organización, Joaquín Portabales e Ricardo Goñi, e polo xerente de Ifevi, Arsenio Prieto.

A feira volve co formato habitual, dende este venres ata o domingo, e Portabales celebrou a fidelidade do Concello, "que non se perdeu ningunha edición do mesmo xeito que Ifevi e o grupo Radio Vigo, dixo.

Galiexpo conta co pavillón 1 do Ifevi para zona de exposición (9.000 m2) e o pavillón 3 (7.000 m2) para a zona de espectáculos. En total, 16.000 metros cadrados para o mundo do motor, as competicións, a náutica deportiva, moda e música.

Na zona expositiva poderanse atopar dende accesorios e recambios para o automóbil ata superdeportivos, ou dende equipos e accesorios de car audio ata vehículos clásicos, de competición ou 4x4. E sen faltar o "tuning". A organización tamén cobre o amplo abanico do mundo das motos, os quads e as caravanas e igualmente reserva espazo para o automodelismo. Ademais, como complemento hai un espazo infantil e o sector da moda tamén estará presente.

O prezo da entrada mantense ao custo destes últimos anos: 5 euros grazas aos patrocinios, explicou Portabales. Galiexpo Motor Show conta este ano con 70 firmas implicadas fronte ás 55 de 2016 (un 27% máis). É dicir, a feira volve crecer.

"É un gran acontecemento expositivo e deportivo na nosa cidade que poden gozar o conxunto dos cidadáns", manifestou o edil, que valorou o "esforzado traballo dos organizadores" e o "sesgo solidario por unha causa nobre que é Discamino".

A nivel deportivo, a organización preparou un campionato de exhibición hispano-luso de indoor drift (derrapes en pista) que será patrocinado por Castrol Martins terá ata catro pases, dous o sábado (17:00 e 19:00 horas) e outros dous o domingo (16:30 e 18:30). O prezo para esta actividade, polo aforo limitado no pabellón 3, é de 2,50 euros a maiores da entrada ao Ifevi e unha parte irá destinada á ONG Discamino. "Esperemos poder resultarlles de axuda", indicou Portabales.

Tamén haberá un Trofeo Top 25 Tuning Concellería de Deportes onde se premiará o mellor "tuneado" e no que participarán preparadores de internacionais. Ademais está previsto que tanto sábado como domingo, ás 10:15 horas, se celebre o Open RC Galiexpo de automodelismo.

Como complemento, os responsables da feira tamén se trouxeron a "Strongman", o home máis forte de España (cada ano dispútase a Liga Nacional de Forza), que realizará algunhas exhibicións sábado e domingo polos dous pabellones e tamén durante as probas de indoor drift.

Dende a organización asegurouse que "sen o Concello de Vigo este evento non se podería aguantar. Somos o único motor show a nivel nacional. Seremos unha referencia do motor. Nunca pensamos que podiamos chegar tan lonxe no tempo pero tamén vemos que este evento está xa consolidado".


A organización calcula uns 50.000 visitantes entre os tres días ao ofertar todos os campos do mundo do motor.
Descargar todas as imaxes