Escoitar

O Pleno insta ao Goberno a adoptar medidas de rexeitamento ao acordo entre a UE e Turquía

A moción, presentada por Marea de Vigo e aprobada co apoio do PP e a abstención dos socialistas, demanda o cumprimento dos convenios internacionais en materia de asilo e refuxio e o respecto dos dereitos humanos nas fronteiras así como a protección das persoas máis vulnerables.

luns, 30 xan 2017
O concelleiro Xosé Lois Jácome expuxo que a moción recolle a demanda da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas logo do incumprimento do compromiso adquirido polo Estado español de acoller 17.000 persoas cando só se teñen acollidas 12. Referiuse o edil de Marea de Vigo ao "acordo da vergoña" asinado entre a Unión Europea e Turquía que aproba a expulsión das persoas que chegan a Grecia cara Turquía cuxa práctica sostén "vulnera a normativa europea e internacional e supón un risco para a vida de moitas persoas refuxiadas".

Co apoio do grupo popular e a abstención socialista, a moción aprobada insta ao Goberno a tomar as medidas necesarias amosando o máis firme rexeitamento ao acordo entre a UE e Turquía co obxectivo de garantir rutas legais e seguras sen condicións, o cumprimento dos convenios internacionais e as directivas e lexislacións europeas en materia de asilo e refuxio e o respecto dos dereitos humanos nas fronteiras e a garantía na protección das persoas, en especial ás menores e ás máis vulnerables.

Así, o Concello acorda realizar un acto simbólico de rexeitamento ao pacto acadado entre a Unión Europea e Turquía e de recoñecemento das persoas que perderon a vida nas nosas fronteiras baixando a bandeira a media hasta.

O acordo plenario inclúe tamén a asunción das medidas recollidas nas demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, instando a que os outros niveis de goberno tamén as asuman, entre elas, facilitar o empadroamento das persoas refuxiadas que cheguen ao municipio, poñer recursos á disposición das persoas migrantes e refuxiadas de carácter sanitario, de reforzo escolar e educación inclusiva, de tradución, integración e mediación, a posta en marcha de programas de formación, axilizar o sistema de asilo e a recuperación dos fondos de cooperación ao desenvolvemento e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes.