Escoitar

A Corporación reclama da Xunta a reestruturación en seis meses do Centro de Saúde de Navia

Acordo entre os grupos popular e socialista para requerir do goberno autonómico melloras no servizo que ofrece este centro de saúde no prazo de seis meses, adoptando o horario de tarde e adecuando recursos técnicos e humanos ás necesidades asistenciais da poboación de Navia.

luns, 30 xan 2017
O Pleno da Corporación municipal de Vigo, celebrado este luns, aprobou esta moción, presentada polo PP e ampliada polo PSOE, e na que a Marea decidiu absterse.

O centro presenta "unha das medias máis altas de número de pacientes por doutor", segundo reza o texto, polo que "compre impulsar a apertura do Centro de Saúde de Navia en horario de tarde, adaptando os recursos humanos ás necesidades da poboación".

A moción inicialmente presentada instaba á Xunta de Galicia a "impulsar e priorizar" a reestruturación "no menor tempo posible". O grupo socialista propuxo unha emenda de engádega, aceptada polos propoñentes, requerindo este desenvolvemento completo do Centro de Saúde de Navia "no prazo de seis meses".

Ordenanza
Previo ao debate das mocións, a Corporación acordou aprobar inicialmente a Ordenanza Reguladora das Entidades Urbanísticas de Conservación, cos votos dos grupos do PSOE e da Marea e o rexeitamento do PP. A normativa prevé regular as obrigas de mantemento e conservación de ditas obras de urbanización, así como a súa duración.

Unha vez tomada esta decisión, o texto estará en exposición pública alomenos durante trinta días para a presentación de alegacións e, rematado este prazo, se incluirán se procede e a Ordenanza volverá a Pleno para a súa aprobación definitiva.

Plenos os mércores
A sesión plenaria deste luns tamén deu luz verde á proposta do goberno de Vigo de realizar os plenos ordinarios o último mércores non festivo de cada mes. A proposta xa fora presentada no Pleno anterior e retirouse, á solicitude da oposición, para ser estudada polos grupos. Na votación deste luns, a proposta recibiu o apoio do grupo socialista e obtivo a negativa do PP e a abstención da Marea.