Escoitar

O Concello dá o visto bo á ampliación do IFEVI polo "interese e urxencia" da obra para Vigo

Abel Caballero considera "imprescindible" a ampliación para o desenvolvemento da industria da pesca en Vigo e sinalou que o Concello, que asumirá a expropiación de tres parcelas, traballou con celeridade para posibilitar que a obra estea finalizada de cara ao próximo CONXEMAR.

mércores, 18 xan 2017
O Concello enviou hoxe mércores a comunicación do seu informe favorable sobre o proxecto de ampliación do Recinto Feiral de Vigo á Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao concordar na "urxencia e interese" da obra, beneficiosa, en palabras do alcalde, "para os intereses de Vigo e de toda Galicia" xa que o IFEVI "é a grande feira de exposición industrial de toda a comunidade".

Tal e como explicou, o informe é necesario e obrigado para poder desenvolver a ampliación que estima "imprescindible para o desenvolvemento da pesca e do peixe conxelado en Vigo". A solicitude foi enviada dende a Xunta o 28 de decembro e someteuse a información pública durante 20 días sen que se presentase ningunha alegación, algo que permitiu axilizar o procedemento.

O rexedor vigués sinalou que o proxecto contempla a necesidade de expropiar tres parcelas cunha superficie de 2.750 metros cadrados, un trámite que asumirá o Concello e que iniciará en canto teña coñecemento do proxecto de obra, xa que "imos a toda velocidade para cubrir os tempos e prazos para que a obra estea dispoñible no próximo CONXEMAR". Por iso o Concello, apostilou, "nin sequera desperdiciou medio día" de traballo.