Escoitar

A Área Metropolitana de Vigo arranca este xoves coa primeira xunta de goberno

Mañá xoves, ás 11 horas, reunirase por primeira vez a Xunta de Goberno Metropolitana, no edificio municipal de Areal. Na orde do día, explicou Abel Caballero este mércores, dar conta dos concellos que solicitaron a súa adhesión e a elaboración do Plan Metropolitano Cuadrienal. "A Área Metropolitana de Vigo vai empezar a tomar decisións en favor dos cidadáns", saudou o alcalde vigués.

mércores, 28 dec 2016
Mañá xoves, ás 11 horas no edificio municipal de Areal, terá lugar a primeira reunión da Xunta de Goberno Metropolitana, dando comezo ao funcionamento da Área Metropolitana de Vigo.

O alcalde e presidente da Área Metropolitana de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores dos principais asuntos que abordará o goberno metropolitano, entre os que salientou os municipios que teñen solicitado o ingreso no novo ente administrativo, a solicitude a Xunta e Deputación para constituír o Comité de Cooperación, a constitución dos grupos políticos metropolitanos e as propostas para as vicepresidencias, ademais da designación da sede da Área e o informe sobre a elaboración do Plan Metropolitano Cuadrienal.

Sobre esta última cuestión, Caballero explicou que o documento trazará as liñas de actuación da Área Metropolitana para os próximos anos: "a Área Metropolitana de Vigo vai empezar a tomar decisións en favor dos cidadáns".