Escoitar

O Pleno insta á Xunta a garantir as condicións das obras do CEIP Castelao

A moción socialista, que foi aprobada cos votos favorables de Marea de Vigo, defende que se modifique o proxecto de obras de forma "madurada e consensuada" para evitar arranxos posteriores.

martes, 27 dec 2016
A Corporación deu luz verde á moción na que o grupo municipal socialista insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as modificacións necesarias para garantir unhas obras en condicións no CEIP Alfonso R. Castelao, tendo en consideración as numerosas deficiencias denunciadas e contribuír así a ofrecer unha educación de calidade.

A edil de Educación, Olga Alonso, criticou que a Consellería de Educación non escoite á comunidade educativa en cuestións deste tipo cando as familias teñen manifestado, dixo, a través da Anpa e referendadas por FOANPAS, que debe facerse unha ampliación "madurada e consensuada para evitar que se teñan que facer arranxos posteriores". Así, expuxo que tras a revisión da documentación, o centro atopou "numerosas e importantes deficiencias que cómpre corrixir" e que afectan a cuestións como a inexistencia de zonas cubertas axeitadas, espazos insuficientes, biblioteca e ximnasio reducidos ou un sistema de calefacción incompleto.

Xosé Lois Jácome, de Marea de Vigo, amosou o acordo do seu grupo coa proposta socialista mentres a edil popular, Teresa Egerique, defendeu que o proxecto de obra se realizou con criterios técnicos e non políticos.