Escoitar

O Concello dedica 850.000 euros ao programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social de 2017

A Xunta de Goberno Local deu luz verde a este programa "ampliable" segundo as necesidades cidadás e tamén ás axudas para acometer melloras en fogares por valor de 50.000 euros. O rexedor puxo en valor a política social municipal cun investimento de 2,5 millóns para as axudas extraordinarias a familias e partidas importantes a bolsas de comedor e infancia.

mércores, 28 dec 2016
O alcalde anunciou hoxe mércores que o vindeiro 1 de xaneiro estarán en vigor os recursos necesarios para atender á xente que atravesa dificultades para o pago da súa vivenda, das facturas de enerxía ou os alimentos tras a aprobación na Xunta de Goberno Local do Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2017.

Cun importe de 850.000 euros e "ampliable de forma ilimitada para atender casos que poden aparecer en calquera momento" Caballero destaca o importante investimento desde programa ao que se suman os 2,5 millóns de euros do Programa anual de axudas a familias para pagamentos de vivenda, alimentación e subministros, as bolsas comedor e as axudas á infancia dentro da política social municipal.

O rexedor debullou a execución durante o ano 2016 deste programa de desafiuzamentos e emerxencia social co que o goberno local dedicou 232.000 euros a subvencionar pagamentos de alugueres (220.000 euros) e hipotecas (12.000 euros), 22.000 euros para gastos de aloxamento, 270.000 euros para alimentación, 6.500 euros destinados a financiar mobiliario de primeira necesidade, 6.133 euros para facturas de gas, 58.000 para facturas de luz e 16.000 para pagos de auga. Ademais, o goberno local subvencionou 8.000 euros a familias para gastos de atención sanitaria, 9.000 euros para gastos persoais, 5.600 para débedas de comunidade e 34.000 euros para melloras de fogares.

Ademais, o Concello deu luz verde ao programa de melloras en fogares para persoas que, por idade ou discapacidade, teñan limitada a súa mobilidade para que poidan adaptalos ás súas necesidades.