Escoitar

O Concello abre o prazo para solicitar axudas "anti desafiuzamentos", de enerxía e alimentación

Segundo comunicou este venres Abel Caballero, os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de xuño, pedindo cita previa ben no 010, ben nos centros municipais de servizos sociais de Coia, Rivera Atienza, Princesa e Teis. "Estamos moi orgullosos deste programa", subliñou o alcalde, pois "consegue que en Vigo ninguén estea desafiuzado".

venres, 20 mai 2016
O goberno de Vigo abriu o prazo para solicitar as axudas do Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación para este ano 2016. Así anunciouno este venres Abel Caballero, quen informou que pode solicitarse o coñecido como "cheque social" ata o 15 de xuño.

O alcalde explicou que os interesados poden optar ben pedindo cita previa no 010, ben nos centros municipais de servizos sociais de Coia, Rivera Atienza, Princesa e Teis. Nos dous primeiros, abondou Caballero, ademais da cita tamén se pode recoller a documentación.

"Xa iniciamos o proceso da asignación dos cheques para evitar desafiuzamentos, para evitar que familias queden sen enerxía eléctrica e para alimentación", indicou Caballero, quen apuntou que o plan ten "case dous millóns de dotación, ademais de 800.000 euros nas axudas anti desafiuzamentos" incluidos como novidade no orzamento municipal deste ano.

"Estamos moi orgullosos deste programa", subliñou o alcalde, pois "consegue que en Vigo ninguén estea desafiuzado". Caballero indicou que "estamos a evitar mil douscentos ou mil trescentos desafiuzamentos", recordou que a competencia "íntegra" é do goberno autonómico e engadiu que "eu invito á Xunta a que abra un proceso exactamente igual que o noso nesta cidade". Apuntou ademais que se agardan unhas mi trescentas solicitudes, e aclarou que "ninguén quedará sen atender" xa que, se é preciso, ampliaríase uns días o prazo.

Pago da auga
En relación co programa, e tras recordar que en Vigo non se corta a auga por impago do recibo a ninguén, Abel Caballero anunciou unha nova iniciativa conxunta con Aqualia para garantir o subministro a quen o precisa.

Segundo detallou Caballero, concederanse cen euros durante os últimos seis meses deste ano a aproximadamente 300 familias da cidade con poucos recursos. O importe total adicado a esta iniciativa ascende a 30.000 euros.