Escoitar

Os vigueses aforrarán 600.000 euros coa baixada do IBI urbano que xa aplicou o Concello

Ao abeiro da Lei do Catastro Inmobiliario os Concellos deben tramitar a baixada do IBI urbano ao solo urbanizable sen ordenación detallada para ser incluído no padrón do IBI de natureza rústica. Vigo xa comunicou a Facenda a primeiros de ano este cambio que afecta a máis de 5.000 parcelas que deberán aboar o tipo impositivo mínimo vixente na cidade que é do 0,3% e supoñerá un aforro de 600.000 euros.

martes, 10 mai 2016
Abel Caballero informou hoxe de que Vigo comunicou a primeiros deste ano ao Ministerio de Facenda os datos necesarios para que as fincas urbanizables sen ordenación pormenorizada fosen excluídas do padrón de bens urbanos deste ano 2016 para ser incluídas no IBI de natureza rústica, tal e como estipula a Lei do Catastro Inmobiliario.

O alcalde referiuse a esta cuestión a raíz das informacións que sinalan que Facenda está reclamando aos municipios que realicen este cambio apuntando que "en Vigo hai tempo que estamos na baixada do IBI". Así, o goberno municipal prevé a inscrición de 4.000 bens no Padrón de inmobles rústicos: 3.549 parcelas de solo urbanizable programado sen plan parcial e a 59 parcelas sen plan de actuación urbanística que se verán beneficiadas coa redución do valor, de maneira que a cidadanía viguesa aforrará 600.000 euros no IBI. O rexedor engadiu tamén que en Vigo está vixente o tipo impositivo mínimo posible do 0,3% para estas parcelas, o que supón "cotas tributarias a veces inferiores aos 7 euros".