Escoitar

O programa ”¿Xogas? En galego podemos” estrea unha páxina dentro da web municipal

venres, 13 dec 2002
O programa de actividades da Concellería de Normalización Lingüística que pretende achegar os nenos ao idioma galego dun xeito divertido e didáctico prosegue esta fin de semana con obradoiros que se celebrarán nas ludotecas de Lavadores e Coruxo e no Centro Cívico de Teis. O calendario de actos pódese consultar na páxina web municipal.

Neste programa do Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo quésese transmitir que é posible aprender, divertirse e pasalo ben utilizando o galego. Coa axuda de obradoiros e xogos inténtase ampliar o vocabulario da xente nova, potenciarlle a expresión verbal e musical, darlle a coñecer xogos populares, favorecer o traballo en equipo e o coñecemento mutuo, e a educación para a paz, a tolerancia e o respecto pola natureza.

¿Xogas? é un proxecto global con dúas pólas desenvolvidas: unha enfocada aos máis cativos, para os que xogar é lecer, e outra dirixida aos mozos e mozas, baseada no xogo como práctica deportiva.

Programa da fin de semana

13/12/2002
18:30 a 20:00
Ludoteca de Lavadores (Galicia Tempo Libre)
¿Xogas con cousas?
Xogos de presentación. Obradoiros de colgantes e de maquillaxes. Xogos cooperativos, coma o moucho-carballo-lume, sobre o corpo humano ou o dos raposos máxicos. Xogos populares, coma o do dous panos, o do xornal. Xogos de distensión, coma o da mente rápida, o da maquillaxe a cegas, recitar refráns coa boca chea... Cancións (a vaca leiteira, a tenda dos churros)

14/12/2002
17:00 a 18:30
Centro cívico de Teis (Vaivén)
¿Xogas ao grande?
Mediante adhesivos identificadores realízanse xogos de acollida e presentación dos participantes. O parchís humano e un enredo xigante serven para coñecer e aprender os nomes das partes do corpo. Hai un obradoiro de confección de marcapáxinas e outro de mímica e representación de oficios. Un baile participativo será a despedida.

15/12/2002
17:00 a 18:30
Ludoteca de Coruxo (Cabezolos)
No Vao ou na Casa da Cultura, dependendo das condicións climatolóxicas Sesión de hora e media de duración, que incluirá:
- obradoiro de traballos manuais, para a construcción de figuriñas de Nadal.
- contacontos: un conto creativo, en que os miúdos colaboran para facelo e para rematalo.
- xogos: carreiras cun paracaídas, ”chiste ou proba” (os nenos e as nenas teñen que unirse rapidamente a dous compañeiros cando acaba a música do baile), ou a bomba (os nenos e as nenas, en roda, vanse pasando unha bóla tentando que non lles colla nas mans cando un compañeiro seu remate a conta atrás).