Escoitar

O alcalde pulsará a opinión da cidade sobre a instalación da xustiza na torre do Xeral

Abel Caballero iniciará o mércores co Colexio de Avogados unha rolda de contactos para coñecer a opinión dos colectivos vigueses sobre o traslado da Cidade da Xustiza á torre do antigo Hospital Xeral. Asegurou Caballero este luns que a proposta, ben acollida polo Concello, ten unha "enorme dimensión cidadá" que require dun "gran consenso".

luns, 22 feb 2016
O alcalde de Vigo manterá este mércores unha entrevista con representantes do Colexio de Avogados, cita coa que inicia unha rolda de contactos con colectivos para que "a cidade coñeza e teñamos un intercambio de opinións" sobre o proxecto de levar as dotacións xudiciais viguesas á torre do Hospital Xeral.

A iniciativa ten unha "enorme dimensión cidadá", explicou Caballero ante os medios de comunicación, pois significa o traslado da xustiza ao centro e a recuperación do coñecido coma o Pirulí, o que require dun "gran consenso" en Vigo. A cidade ten o "gran reto" de darlle uso a torre, o que ten que ir acompañado "inescusablemente", manifestou, de ocupar os actuais edificios xudiciais da rúa Lalín cunha actividade que xere alomenos o mesmo movemento que promove hoxe en día para o entorno das Travesas.