Escoitar

Caballero confía en que a Xunta acepte o acordo acadado polos alcaldes da área metropolitana

O rexedor de Vigo acudirá mañá á reunión da área metropolitana co conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, coa confianza de que a Xunta acepte os cambios á lei pactados por unanimidade entre os alcaldes. Respecto do transporte metropolitano, asegurou que o ente supramunicipal comezará a traballar tan pronto se aprobe a modificación de lei, avanzando que Vigo "estará de cheo nese proxecto".

martes, 2 feb 2016
O alcalde de Vigo amosou esta mañá a súa confianza en que a Xunta de Galicia acepte mañá mércores o acordo sobre a lei de área metropolitana que onte acadaron os alcaldes no encontro que mantiveron no Edificio Municipal do Areal. Na súa opinión, a Xunta debería asumir os cambios que unanimemente se pactaron entre os rexedores e levalas ao Parlamento Galego para modificar a lei. En concreto, detallou, hai acordo na gobernanza, na financiamento, no transporte, na aplicación paulatina das competencias e no dereito de calquera concello en abandonar o ente supramunicipal cando o considere. Unha vez aprobada a modificación de lei, avanzou que convocará aos rexedores para empezar a traballar un plan de transporte metropolitano dialogado e participado "no que Vigo estará de cheo". Rematou lembrando que estamos iniciando un novo momento na construción dunha área metropolitana de preto de 600.000 habitantes que só ten un obxectivo: prestar mellores e máis baratos servizos aos cidadáns.