Escoitar

Concello e Deputación rubrican a reforma de sete campos de fútbol base da cidade

Abel Caballero e Carmela Silva asinaron este venres o convenio ampliado entre ambas institucións, case 600.000 euros para remodelar os recintos das Relfas (Sárdoma-Moledo), A Guía, Meixoeiro, A Bouza, Santa Mariña, San Andrés de Comesaña e de Monte da Mina. Tanto o alcalde como a presidenta manifestaron a súa "satisfacción" polo acordo e subliñaron a "extraordinaria relación" existente entre Concello e Deputación.

venres, 15 xan 2016
1452866306convenio.jpg
Abel Caballero e Carmela Silva asinaron esta mañá o convenio bilateral entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para a remodelación dos recintos de fútbol base na cidade, cun investimento de case 600.000 euros ao 50% entre ambas administracións.

O convenio supón a remodelación destes sete campos de fútbol base da cidade, entre os que Caballero singularizou a substitución, no de Monte da Mina, en Castrelos, do terreo actual por un novo pavimento de herba sintética. A presidenta explicou que o acordo é unha ampliación dun subscrito con anterioridade, que permite a reforma do campo do Monte da Mina e amplía ata finais de 2016 o prazo de execución das obras.

O alcalde, en declaracións aos medios, trasladou a súa "satisfacción" polo contido do mesmo. "Asinar este convenio coa Deputación é da maior importancia para a cidade", apuntou Caballero, quen afirmou que "queremos ter este clima" e que Vigo sexa atendido polo ente provincial "co peso que lle corresponde".

Silva, pola súa banda, subliñou a "extraordinaria relación" existente agora entre Deputación e Concello de Vigo, despois dunha etapa de colaboración "nula" co anterior goberno provincial. "Esta é a sinatura do primeiro convenio" entre ambas institucións pero "haberá moitas máis" en 2016, asegurou a presidenta provincial.
Descargar todas as imaxes