Escoitar

Caballero envía á Xunta o borrador do proxecto para a Área Metropolitana pactado por 15 concellos

Xunto co documento remitido este xoves coa proposta para a reforma da Lei de Área Metropolitana, o alcalde de Vigo tamén lle solicita ao presidente Feijóo que convide á reunión convocada para o día 19 aos rexedores e rexedoras que queren formar parte do ente supramunicipal e que non figuran na Lei de 14 municipios para que se escoite a súa opinión.

xoves, 14 xan 2016
Abel Caballero informou este xoves pola mañá do envío á Xunta de Galicia do borrador conformado por 15 alcaldes e alcaldesas que representan a 486.732 persoas no que teñen conformado "un proxecto de Lei de Área Metropolitana da forma máis xenuína, de abaixo arriba. Somos o 86,11% da poboación da área nos que hai un consenso total" engadindo que non se sumaron a este acordo "6 alcaldes do PP que gobernan 77.000 persoas, que representan o 13,89% da poboación".

Xunto do borrador, o concello de Vigo remitiu ao presidente Feijóo unha carta na que lle comunica o resultado da reunión, tal e como acordaron os alcaldes dos quince municipios e na lle solicita que sexan convidados os 14 que teñen vontade de formar parte da Área Metropolitana á reunión convocada para o día 19 pola Xunta de Galicia porque "non se entendería a exclusión deses concellos do encontro xa que estamos falando dun cambio dunha lei e hai un acordo de todos en que a Lei era mala e agora ninguén discute que o ente debe ter unha Xunta de Goberno con ponderación corrixida dos alcaldes que a compoñen, que foi o motivo da paralización da norma". Para Caballero é "conveniente" que estean para que a Xunta tamén coñeza o seu parecer.

Segundo o rexedor vigués, o consenso sobre o documento ten a "máxima importancia" ao xurdir entre alcaldes da "maior diversidade política con sete orientacións ideolóxicas distintas que temos un acordo sobre isto e no que só falta o PP". Ademais dixo "confiar en que Feijóo medite, que isto se leve co ánimo do acordo e saiba ver a importancia do momento". Sobre a ausencia dos alcaldes do PP na reunión celebrada onte mércores en Vigo, Caballero sinalou que "non quixeron estar, autoexcluíronse; non pediron entrevista co alcalde de Vigo e esa reunión foi por decisión e acordo dos 15, non puxemos obxección a que participaran. Eu convideinos abertamente e ninguén quixo reunirse".