Escoitar

O Concello insta á Xunta de Galicia a manter o uso sanitario do Hospital Xeral

A Corporación Municipal deu luz verde por unanimidade á moción presentada por Marea de Vigo, con engadidos do grupo socialista e do grupo popular, na que tamén se empraza ao Goberno Central a manter, dinamizar e poñer a disposición da cidadanía os espazos excedentes do antigo centro hospitalario, asumindo o goberno local as competencias que veñan derivadas desa decisión. Ademais, a proposta do PP, vaise crear un grupo de traballo para definir o futuro do vello hospital. No texto da moción expóñense as consecuencias negativas da falta de actividade no edificio para a zona e para a actividade comercial da cidade.

luns, 30 nov 2015
O Pleno do Concello aprobou esta mañá por unanimidade a moción presentada por Marea de Vigo, coas emendas engadidas polo Partido Socialista e o Partido Popular, coa que se insta á Xunta de Galicia a que manteña o uso sanitario do Hospital Xeral de Vigo para mellorar os servizos da cidade e a zona. Ademais, ínstase ao Goberno Central ao mantemento, dinamización e posta a disposición dos espazos excedentes do antigo Hospital Xeral, asumindo a Corporación Municipal as competencias que se deriven ao respecto. Así mesmo, o texto recolle a creación dunha comisión ou a convocatoria dunha reunión entre o Concello, o Sergas e o Goberno Central para definir o futuro do Xeral e dos edificios que incluía o antigo complexo hospitalario vigués.

Na moción, defendida por Margarida López, exponse a situación na que quedou a contorna do Hospital Xeral coa perda de arredor de "600 postos de traballo nos 200 establecementos" situados ao redor do inmoble e que agora están en perigo de pechar ou tiveron que facelo xa pola "perda moi importante de movemento comercial". Así mesmo, alértase dos desperfectos e roubos que pode sufrir o edificio baleiro e proponse o seu uso como centro de atención primaria, planificación familiar ou alta resolución, servizos de urxencias extrahospitalarias, rehabilitación ou cirurxía maior hospitalaria, que "serviría para garantir a supervivencia dos establecementos comerciais dos arredores, mellorar a actividade económica da cidade e evitaría o deterioramento urbano da zona", tal e como explica o texto.