Escoitar

O goberno de Vigo programa 19 espectáculos de música, danza e teatro no Auditorio do Concello

Caballero deu a coñecer este luns a programación prevista para outono no Auditorio Municipal do Concello, unha oferta diversa con 19 espectáculos de música, danza e teatro tanto para público adulto como familiar. O goberno local destina a esta actividade 67.000 euros. As entradas pódense adquirir desde os 5 euros, con abonos dispoñibles que conlevan ata un 25% de desconto.

luns, 14 set 2015
1442232698Alcalde.JPG
O alcalde de Vigo presentou este luns a programación municipal de artes escénicas VIGOCULTURA, que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello no periodo de outubro a decembro. O programa inclúe unha oferta diversa, con espectáculos para público adulto os venres ás 21:00h e para público familiar os domingos ás 18:00h.

O Concello programa para este derradeiro trimestre do ano un total de 19 funcións, que abarcan diversos xéneros como a música pop, a música de autor, teatro dramático, contemporáneo, musicais, comedia, danza contemporánea e hip hop, dentro do ciclo dirixido ao público adulto, e a música, teatro, musicais, clown, circo, monicreques, danza e maxia, dentro do ciclo dirixido a público familiar.

Nesta programación participan un total de 11 compañías e grupos galegos (9 delas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e 2 colaboracións) e 8 compañías de fóra de Galicia a través do programa estatal Platea, todas elas de recoñecido prestixio no ámbito das artes escénicas estatais, avanzou Caballero, e moitas recoñecidas con premios e nominacións.

O prezo de entrada dos espectáculos para público adulto será de 6 € para os de danza e música e 8 € para os espectáculos teatrais, e as dos espectáculos dirixidos a público familiar terán un prezo de 5 €. As entradas podense adquirir anticipadamente a partir do martes día 15 de setembro a través do servizo de Ataquilla (www.ataquilla.com, tlf 902.504.500 ou no despacho de billetes da Central de Espectáculos), ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do seu comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles). Os abonos podense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.
Descargar todas as imaxes

Máis información