Escoitar

Abel Caballero abordará co alcalde de Redondela a posta en funcionamento da Área Metropolitana

Á espera de poder concretar o día do encontro, o rexedor vigués explicou este luns que, pola súa parte, se poderá celebrar "mañá mesmo" porque ten unha prioridade absoluta na súa axenda para esa cita, tendo en conta que Redondela é o segundo concello en poboación da Área Metropolitana de Vigo.

luns, 14 set 2015
Abel Caballero informou esta mañá que recibiu unha carta do seu homólogo de Redondela, Javier Bas, solicitando unha reunión na que poidan tratar a modificación da lei e posta en marcha da Área Metropolitana, unha cuestión importante para a que o alcalde de Vigo deixa aberta a súa axenda porque "é interesante que lle explique cal é a proposta que fixen para a Área Metropolitana sendo Redondela o segundo concello en poboación da Área".

Pola importancia do tema, o rexedor vigués prefire que a reunión sexa "canto antes" e sinala que Javier Bas será recibido, se quere, "mañá mesmo porque teño prioridade absoluta para o alcalde de Redondela e para a xuntanza con el".