Escoitar

Exposición eclectiCIDADE

eclectiCIDADE é o nome que dá título a un ciclo de tres exposicións que se desenvolven simultáneamente no Verbum-Casa das Palabras,na Casa Galega da Cultura e na Casa das Artes de Vigo durante o mes de agosto.

martes, 11 ago 2015
1439294569eclecticidade.jpg
En cada unha das exposicións reúnense os traballos de diversos creadores da cidade ou intimamente vinculados a ela. O nexo común das tres mostras foi reunir as múltiples manifestacións artísticas en torno á imaxe que se está a orixinar na actualidade dentro da cidade de Vigo. O reto dun proxecto coma este é o de conciliar nun mesmo espacio expositivo diversas ideas e tendencias, ademais de dar cabida a un numeroso grupo de fotógrafos e artistas visuais que abordan a realidade dende diferentes prismas e que mostran o bó estado e a calidade das propostas do medio non so dentro da cidade de Vigo, senón tamén dentro do panorama artístico actual galego.

eclectiCIDADE desenvólvese dentro dunha cidade que, por tradición e debido a súa situación estratéxica entre ambos continentes, foi dende sempre un foco constante de influencias externas que soubo asimilar e acoller multiplicidade de formas e estilos de vida que permanecen recollidos, por exemplo, na súa arquitectura con obras significativas de arquitectos como Jenaro de la Fuente e Michel Pacewicz.

No Verbum-Casa das Palabras, o eixo central da exposición é o libro como fonte de inspiración na obra fotográfica dos autores que nela participan. Nesta mostra pódese ver unha interesante selección de libros que cada un dos 16 artistas escolleu para a ocasión e que acompañan cada unha das fotografías que se exhiben. Cada autor cederá o seu libro para que o espectador poida consultalo durante a mostra.

A escolma persoal de cada libro dá conta da influencia decisiva que estas obras teñen na súa persoal percepción do mundo e no seu proceso creativo.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 30 de agosto.

Nun dos edificios máis representativos da eclecticidade arquitectónica viguesa, a Casa Galega da Cultura, móstranse 3 maneiras radicalmente diferentes de interpretar as tradicións a través da imaxe. Roberto de la Torre mostra parte dun proxecto fotográfico persoal que vén desenvolvendo dende fai anos en torno ás festas tradicionais galegas. Cé Tomé asume o tema da tradición dende unha perspectiva máis transgresora a través do collage e a fragmentación da imaxe. Por último, Alba Fernández Troiteiro coa súa peza audiovisual "Femenino singular" mostra a través da danza ritual a confrontación de contrarios entre home-muller e tradición-modernidade.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 30 de agosto.

A planta baixa da Casa das Artes de Vigo acolle os traballos de 13 artistas visuais emerxentes da cidade de Vigo. Nesta exposición conviven proxectos visuais moi heteroxéneos entre si que abordan temas como a memoria, o cine, os conflitos bélicos, a paisaxe, a arquitectura e a identidade en obras realizadas baixo diferentes linguaxes como a fotografía, o vídeo, a fotomontaxe ou os límites entre videoarte e cine.

Na última semana de exposición, do 7 ao 11 de setembro, ás 20:00 h, vanse realizar visitas guiadas por parte dos artistas para que o público que o desexe poida coñecer de primeira man as motivacións de cada autor/a e a súa obra.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 13 de setembro.
Descargar todas as imaxes

Máis información