Escoitar

O Concello reclama medidas de protección do Lagares ante a futura ampliación do aeroporto

xoves, 19 dec 2002
O Concello de Vigo vaille remitir á Consellería de Política Territorial un informe no que se reclama a adopción de medidas de protección do curso alto do río Lagares ante a futura ampliación do aeroporto de Peinador. A Consellería é a encargada de aprobar o Plan Especial do Sistema Aeroportuario de Vigo, xa que ademáis de ao Concello vigués afecta aos de Mos e Redondela.

O Plan Especial redactado por AENA propón, entre outras cousas, a ampliación das pistas do aeroporto e o desvío do actual acceso á terminal pola estrada N-556 para a construcción dun aparcamento. Tamén suxire a reposición dos viais de unión entre as estradas de Cabral e a N-550.

O informe que lle enviará o Concello á Xunta pide que entre a documentación do Plan Especial se inclúa un Estudio de sostenibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico, xa que o Plan afecta á Zona de Interese Natural de Lagoa, unha área humida situada no nacemento do Lagares.

O Concello reclama tamén que se retire da documentación do Plan Especial o apartado no que se exime a AENA da necesidade de obter licencia municipal cando promova obras cun uso non estrictamente aeroportuario. O Concello apoiase nunha Sentencia do Tribunal Constitucional que considera nulo o precepto legal no que se sustenta esa medida. No mesmo sentido, a administración municipal esixirá tamén que os concesionarios obteñan licencias de obras e apertura.