Escoitar

Caballero salienta a potencialidade viguesa na pesca durante a apertura da reunión anual da NAFO

Vigo acolle toda a semana a 36ª reunión anual da Organización de Pesca para o Atlántico Noroeste (NAFO) e o alcalde da cidade, durante o acto de inauguración deste luns, enfatizou ante as delegacións internacionais a capacidade pesqueira viguesa e a súa vocación histórica pola sustentabilidade.

luns, 22 set 2014
1411406012nafo.JPG
Abel Caballero abriu esta mañá a reunión anual da NAFO no Auditorio Mar de Vigo, un acto do que tamén participaron o secretario xeral de Pesca e a conselleira do Medio Rural e do Mar. Caballero deu a benvida aos representantes das delegacións internacionais, fixo fincapé nas virtudes turísticas que oferta a cidade e subliñou a histórica capacidade pesqueira de Vigo e a súa particular vocación pola sustentabilidade.

Vigo acolle por segunda vez unha reunión anual da Organización de Pesca para o Atlántico Noroeste, tras a celebrada no ano 2008. A cita alongarase durante toda a semana no Auditorio Mar de Vigo, onde terán lugar reunións bilaterais, encontros do comité científico, do xeral, etc., que servirán para determinar, entre outras cuestións, os totais admitidos de captura (TAC) para 2015. No encontro participan 211 persoas dunha ducia de delegacións.
Descargar todas as imaxes