Escoitar
No Auditorio Municipal do concello ás 21h en formato trío co contrabaixista Demian Cabaud e o baterista Ferenc Nemeth

O guitarrista Gilad Hekselman na segunda xornada de Imaxina Sons o venres 27 de xuño

Na súa segunda xornada o venres 27 de xuño, Imaxina Sons programa o concerto do guitarrista Gilad Hekselman ás 21h no Auditorio Municipal do concello (Praza do Rei). Desde hai dez anos Gilad Hekselman (Israel, 1983) é un dos guitarristas destacados da escena musical neiorquina. As entradas teñen un prezo de 5 euros máis gastos de xestión en servinova e na Central de Espectáculos (Velázquez Moreno 26); a billeteira do Auditorio do concello abrirá unha hora antes da actuación.

xoves, 26 xuñ 2014
1403783772giladhekselman.jpg
Gilad Hekselman
Gilad Hekselman, que chega a Vigo en formato trío co contrabaixista Demian Cabaud e co baterista Ferenc Nemeth, toca nos clubs máis importantes da cidade como Blue Note ou Smalls e participa en festivais de jazz como de Montreaux, onde en 2005 gaña a competición internacional de guitarra, ou de San Francisco. Colabora con músicos destacados da escena de Nova York, especialmente de maneira estable co batería Ari Hoenig, protagonista dun dos concertos destacados da pasada edición de Imaxina Sons.

Na súa viaxe polo jazz ten fieis compañeiros como o contrabaixista Joe Martin e o batería Marcus Gilmore. Ademais do talento excepcional do saxofonista Mark Turner, influído por John Coltrane e imprescindible sideman para moitos dos grandes nomes do jazz das últimas dúas décadas. A pasada primavera o guitarrista israelí editou o seu cuarto disco This Just In (JazzVillage, Harmonia Mundi) cos seus compañeiros Martin e Gilmore, e a colaboración en tres temas de Mark Turner.

Ao seu carón no escenario de Imaxina Sons o contrabaixista Demian Cabaud (Arxentina, 1977), membro estable da Orquestra de Jazz de Matosinhos que compartiu escenario xa con grandísimos artistas de jazz como Lee Konitz, Joe Lovano, Mark Turner, Maria Schneider, Jason Palmer, Juan Cruz Urquiza, Jason Moran e Bernardo Sasseti, entre outros. O público de Imaxina Sons puido velo en acción na edición de 2012 na formación do batería Iago Fernández. Con Gilad Hekselman, ademais, en Imaxina Sons estará o batería orixinario de Hungría Ferenc Nemeth quen, como líder ou como colaborador, destaca pola súa aposta creativa e pola súa vertente didáctica. En 2011 lanzou unha aplicación para a Mac store denominada "Drum School".

Por outra parte, o venres 27 de xuño ás 14h péchase o prazo de inscrición na Academia de Sons a través do teléfono gratuito 010. Así mesmo continúa aberta a exposición "Vigo ten swing" na Casa das Artes (Policarpo Sanz, 15) en horario de 18 a 21h de luns a venres, de 12 a 14h e de 18 a 20h o sábado e de 12 a 14h en domingo.

Máis info:

www.vigocultura.org
www.imaxinasons.com
Descargar todas as imaxes