Escoitar

O Concello reclama ao Estado que Vigo manteña o seu partido xudicial propio

O Pleno da Corporación celebrado hoxe luns aprobou, coa unanimidade dos votos, reclamar ao Goberno de España o mantemento da sede xudicial viguesa, a proposta do grupo socialista. O texto solicita deixar sen efecto unha reforma que preservaría unicamente o partido xudicial das capitais de provincia.

luns, 31 mar 2014
Os tres grupos municipais con representación na Corporación -PSOE, BNG e PP- votaron hoxe luns a favor da moción socialista que reclama do Ministerio de Xustiza o mantemento do partido xudicial de Vigo. O texto esixe que o Goberno de España retire a modificación prevista para a Lei de Demarcación e Planta Xudicial e da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que prevé unha única sede xudicial por provincia, a da capital da mesma.

O acordo -validado con engádedas de nacionalistas e populares- reclama do Ministerio que formule unha nova proposta que teña en conta as distintas competencias que concorren e as opinións das Comunidades Autónomas, ademais do mantemento da demarcación e planta vencellada aos territorios, conservando polo tanto os partidos xudiciais e suprimindo que o seu ámbito territorial sexa provincial.

En materia xudicial, a moción insta igualmente que se preserve as audiencias provinciais e os xulgados de paz para evitar o afastamento e a concentración da administración de xustiza, ao tempo que se solicita á implantación dos tribunais de instancia "simultaneamente co pleno despregue da nova oficina xudicial, co fin de garantir o completo desenvolvemento dos servizos comúns procesais e axilizar a xustiza, mellorando o servizo público".

IES Audiovisual de Bouzas
Tamén aprobada con unanimidade, o grupo socialista sacou adiante outra moción reclamando á Xunta de Galicia que inclúa no próximo curso o Ciclo Superior de Imaxena oferta educativa do IES Audiovisual de Bouzas en Vigo, "tendo en conta que as instalacións permiten a impartición do referido ciclo formativo".