Escoitar
No acto de inauguración celebrarase un concerto de clarinete

”Aproximación al agua”, exposición de Guillermo Aymerich

xoves, 10 out 2002
imx1847.jpg
Exposición
O presidente da Fundación Laxeiro e concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, presentou a exposición “Aproximación al agua”, do artista Guillermo Aymerich, que se inaugura o venres na Casa das Artes. A mostra, que estará aberta ó público ata o vindeiro 15 de decembro estará composta por obras realizadas integramente en Vigo polo artista compostelán, afincado en Valencia.

Co gallo da inauguración vaise celebrar un concerto a cargo do clarinetista Joaquín Meijide Faílde, que interpretará a obra “New York Conterpoint” de Steve Reich, para clarinete e cinta magnética.

No concerto, o clarinetista interactúa en tempo real cunha gravación que contén outros 6 clarinetes interpretados por el mesmo, desenvolvendo secuencias sonoras que, lixeiramente desfasadas no “tempo”, vanse acoplando nun bucle e topando novas sincronías.

O pintor

Aymerich, de orixe compostelá e residente en Valencia, fiel ó seu método de traballo, que consiste en desprazarse a lugares concretos, estableceuse en Vigo durante todo o mes de marzo para desenvolver in situ o proceso creativo, que ten nesta ocasión o auga como fío conductor de varias series de obras realizadas a partir da luz, paisaxe e tránsito da Ría de Vigo.

Con este método, o proceso convértese en parte fundamental do resultado exhibido en “Aproximación al agua”, xa que o artista fotografía cada un dos estadios creativos e catalógaos como parte intrínseca da obra, formando así series que adquiren movemento mediante animacións realizadas en formato vídeo.

Aymerich establece así un xogo continuo entre as potencialidades da fotografía e a pintura, xéneros entre os que establece relacións de oposición, complementariedade, multiplicación ou negación.

“Aproximación al agua” revela unha proxección das impresións de Aymerich ó xeito dos pintores románticos, ó tempo que conecta con algúns aspectos das vangardas históricas, como o tratamento do azar e a vontade artística ou o emprego da función indicativa da obra. Como di Elisabetta Longari no segundo texto do catálogo: “...Aquí todo e nada é autobiográfico. Ou mellor, no seu traballo todo emana das das ocasións da vida pero nada é estrictamente autobiográfico...”
Descargar todas as imaxes