Escoitar
O inmoble albergará un centro de atención á infancia, centro de día e biblioteca

O Concello construirá un edificio con equipamentos sociais en Saiáns

xoves, 10 out 2002
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou o proxecto para a construcción dun edificio con equipamentos sociocomunitarios en Saiáns, na parcela da antiga radio costeira. O inmoble será a reconstrucción da vivenda que a familia Vieira tiña na rúa Pi y Margall, un chalé deseñado por Jenaro de la Fuente.

Este proxecto foi redactado pola Oficina de Obras e Proxectos Municipáis da Xerencia de Urbanismo. O edificio adicarase a Centro de atención á infancia (3 módulos), Centro de día para persoas maiores e Biblioteca (dotada ademais con Hemeroteca e Fonoteca).

A primeira fase de construcción abrangue o traslado da pedra á parcela e a súa montaxe, incluindo a construcción dos elementos estructuráis (cimentación, muros de contención, forxados, lousas) e a da cuberta da edificación principal. O importe destas obras se reflexa nas medicións do proxecto (189.030´03 euros impostos incluidos), cubrindo, xunto ó importe da desmontaxe e demolición da edificación, o importe total de 300.506´05 euros a costear pola propiedade da edificación, recollido no convenio que rixe estas actuacións.

O resto das obras serán obxeto doutro proxecto que recolla a segunda fase da construcción, cun importe de execución material segundo o disposto no proxecto básico de 288.191´41 euros, o que supón un presuposto de contrata (IVE engadido) de 397.819´42 euros.

Descrición da edificación

A antiga vivenda Vieira atópase ubicada na Rúa Pi y Margall nº86 do Concello de Vigo e será trasladada á Parcela da “Radio Costeira” na parroquia de Saiáns, logo do acordo acadado coa asociación veciñal para darlle un uso sociocomunitario e manténdose a propiedade municipal da instalación.

O autor do proxecto da vivenda foi Jenaro de la Fuente e a súa construcción correspóndese cos principios do século XX. Sufriu obras de reforma e ampliación no ano 1940 para D.Eusebio Pastor. A vivenda consta dunha planta semisoto con acceso independente dende a parcela, unha planta baixa a cota do vial de acceso e unha planta alta. Un torreón lateral completa o conxunto cunha reducida segunda planta.

A parcela de Saiáns na que se vai resituar esta edificación presenta zonas de forte desnivel que se consideran propicias para a nova ubicación do inmoble, xa que propician unha situación idéntica á parcela orixinal na que se construiu o edificio. A vivenda vaise situar no extremo Sureste da mesma, próxima a un conxunto de viviendas unifamiliares e a un vial que lles da acceso. Deste xeito preténdese co inmoble se integre na trama edificatoria do seu entorno próximo e que non condicione os usos futuros do resto da parcela.

Os usos futuros para o resto da parcela pasan pola adaptación da mesma para parque público, con zonas de xogos de nenos, pistas para actividades deportivas, zonas arboladas,...

Considérase que a implantación de esta vivenda convertida en equipamento sociocomunitario neste entorno redundará nun enriquecimento mutuo entre as actividades que se desenrolen no interior e no exterior.

O proxecto de rehabilitación da vivenda respeta a configuración orixinal da mesma e tenta poñer en valor as potencialidades da edificación, suprimindo aqueles engadidos sen valor e regularizando o trazado da antiga medianeira ca construcción dunha nova fachada.

Programa de usos previstos

Un Centro de Atención á Primeira Infancia para nenos e nenas de 0 a 3 anos, no semisoto con acceso independente directo dende o exterior e posibilidade de sair ó porche directamente dende as aulas.

Consta de 3 módulos de 30m2 cada un con zonas diferenciadas de descanso e limpeza e aseos visibles dende as aulas. Buscouse a máxima flexibilidade permitindo a unión das aulas de xeito que se poida obter un espacio corrido ó longo da edificación para actividades conxuntas.

O programa complétase cunha zona común que serve de comedor, iluminada por ventanáis altos situados no chan perto do nivel da pranta baixa, unha zona de administración con vertiario de persoal e espacios de apoio e almacenaxe.

Reservarase unha zona próxima ó edificio no exterior para que poida cumpli-las funcións de parque exterior de xogos.

Un Centro de Día para a atención de persoas maiores situado no baixo do edificio de forma que ten unha entrada independente pola entrada principal da vivenda. Existe a posibilidade de acceder ó vestíbulo xeral do edificio a traverso dunha conexión interior, que estará habitualmente pechada para garanti-lo control dos usuarios.

O programa do Centro de Día inclúe tres salas de actividades plantexadas dun xeito similar ó do Centro de atención á infancia (salas que se poidan unir mediante a apertura de panéis corredeiros), unha sala de fisioterapia, unha zona de administración e zonas comunes con espacios de almacenaxe, espera de familiares, etc.

O tratamento para cada sala será diferente, favorecendo a creación de zonas claramente diferenciadas nos seus revestimentos que favorezan a percepción espacial dos usuarios. Por outra parte se garantirá o acceso sen barreiras e se deberán dispor os elementos de axuda a persoas discapacitadas (sinalización, barras lateráis, baños adaptados, etc.).

Neste mesmo andar se atopa o acceso principal ó edificio conectado co novo volume acristalado que sustitúe á Vinculada a esta zona de acceso se atopa a oficina de atención ó público da asociación de veciños.

Biblioteca instalada no andar primeiro, con acceso dende o núcleo de comunicación vertical (garantindo o acceso de persoas con minusvalías instalando unha plataforma elevadora). O acceso a esta zona faise dende un espacio previo vinculado á galería existente na fachada posterior (fachada Oeste), que pode funcionar como espacio de lecer e de tertulia dos usuarios da biblioteca.

A biblioteca consta dunha zona de hemeroteca e ludoteca próxima á entrada e ó control de préstamos, dunha sala de lectura, aproveitando as mellores vistas das parcela, dunha aula de informática e dunha fonoteca e sala de reunión no torreón.

Por último, haberá de reordenarse a zona exterior próxima ó edificio, coa plantación de arbolado e co reordenamento dos niveis do terreo para garantir un acceso axeitado ó inmoble.