Escoitar

A Corporación esixe á Xunta políticas activas de emprego en función da poboación e do número de parados

PSOE e BNG coincidiron na sesión plenario de hoxe luns no apoio dunha moción que insta á Consellería de Traballo e Benestar Social a adicar políticas activas de emprego na cidade de Vigo, tendo en conta a súa poboación e o número de desempregados. O texto socialista solicita a retirada do teito fixado nos plans de cooperación

luns, 27 mai 2013
Socialistas e nacionalistas deron luz verde hoxe luns a unha moción na que se esixe á Xunta un reparto dos fondos para políticas activas de emprego con criterios de poboación e do número de parados. Así o pediu o edil Santos Héctor durante a defensa dunha moción que tamén solicita a eliminación do teito fixado para os plans de cooperación e que contou co apoio do BNG e o voto en contra do PP.

Outra das mocións socialistas aprobadas hoxe demanda á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde que dispoñan os medios necesarios para mellorar as listas de espera en Galicia, especialmente na área de Vigo. Co voto a favor do BNG e en contra do grupo popular, Cayetano Rodríguez defendeu que se sometan os datos de lista de espera á información transparente e contrastable polos profesionais e os representantes lexítimos da sociedade. Outro dos acordos acadados pasa por impedir aos directivos, seguindo a normativa vixente, pechar as axendas para citas de consultas e probas e que se asigne día e hora canso se solicite, ou en casos moi concretos, no prazo máis breve posible.