Escoitar

O goberno de Vigo cancela préstamos por 16,7 millóns e adicará o millón que aforra de xuros a "gasto produtivo, social e educativo"

Na sesión plenaria deste luns, o goberno local aprobou en solitario -coa oposición do BNG e a abstención do PP- a amortización extraordinaria de 16,7 millóns de euros correspondentes a créditos bancarios concertados en 2011 e 2012, unha operación que permitirá aforrar un millón de euros en xuros que o Concello destinará a fins sociais, educativos e de emprego.

luns, 27 mai 2013
A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, explicou que a débeda do Concello de Vigo ascende actualmente a 55,7 millóns, a máis baixa dos grandes concellos españois en réxime común e 10,7 millons inferior á do ano 2007, unha xestión que fai posible que a administración local pague hoxe de xuros aos bancos un millón de euros menos que hai seis anos.

Para continuar na senda da amortizacións dos créditos cos bancos para rebaixar a débeda e aforrarse os xuros, o goberno de Vigo vén de aprobar inicialmente a cancelación de préstamos concertados en 2011 e 2012 por valor de 16,7 millóns. A situación saneada da Tesourería municipal e o teito de gasto imposto polo Estado permite facer esta operación coa que o Concello aforra este ano un millón de euros de xuros, segundo explicou Díaz, que se van adicar a fins socioeducativos, produtivos e de xeración de emprego.

A edil socialista apuntou que o obxectivo do goberno encabezado por Abel Caballero é continuar amortizando anualmente os créditos concertados pola administración local ata chegar ao 2016 con débeda cero.

O grupo municipal nacionalista votou en contra desta operación alegando que a finalidade dunha administración debe ser prestar servizos e non ter débeda cero, e reclamou a Caballero que, desde a súa posición como vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reclame ao Goberno de España un cambio legal que posibilite gastar os remanentes de Tesourería, o que o coñecido como teito de gasto impide actualmente.

O Partido Popular, pola súa banda, abstívose na votación, afirmou que o Concello leva pagados 11 millóns de xuros desde o 2008 e reclamou que esta amortización extraordinaria de crédito leve aparellada unha rebaixa de impostos para a cidadanía. A concelleira de Economía e Facenda asegurou que o PP tamén concertou créditos bancarios e sube a carga impositiva alí onde goberna, mentres que o Concello de Vigo conxelou pola contra a tarifa da auga e o prezo de autobús urbano.