Escoitar

A Corporación reclama unida o mantemento do partido xudicial de Vigo

Os tres partidos con representación no Concello -PP, PSOE e BNG- sumaron os seus votos para reclamar a paralización da reforma que prepara o Ministerio de Xustiza e o mantemento do partido xudicial de Vigo. Dúas mocións, presentadas polo PP e o PSOE, sairon adiante co apoio dos tres grupos políticos.

luns, 27 mai 2013
1369653480pleno.jpg
O proxecto que elabora o Ministerio de Xustiza encabezado por Alberto Ruiz Gallardón -a Lei de Demarcación e Planta Xudicial- prevé o funcionamento dun único partido xudicial por provincia, situado na súa capital. Esta proposta do goberno central suscita a oposición dos partidos políticos da cidade e foi definido na sesión plenaria deste luns de "erro histórico" polos concelleiros de Vigo, antes de aprobar por unanimidade dúas mocións esixindo manter o partido xudicial vigués, que data do século XIX.

Na defensa de ambas mocións aludíuse á singularidade viguesa, que xestiona no seu partido xudicial máis asuntos que o de Valladolid -pese a ter más poboación- e cinco veces máis que a sede de Pontevedra. Os corporativos reclamaron por tanto a paralización desta reforma.

Engadido ao mantemento do partido xudicial vigués, o texto presentado polo PP insta ademais á remisión deste acordo á Xunta de Galicia para que o goberno autonómico defenda en Madrid o partido xudicial vigués; o BNG reclama do executivo de Núñez Feijóo que cumpra as obrigas estatutarias en materia de xustiza e inicie os trámites para a transferencia das competencias xudiciais; e o PSOE suma un punto para que, no caso de manterse un único partido xudicial por provincia, recaiga en Vigo a sede provincial.
Descargar todas as imaxes