Escoitar

Programación do Museo Liste-Etnográfico de Vigo para o 2º trimestre

O Museo Liste-Etnográfico de Vigo e o Centro de Artesanía Tradicional (CAT), xestionados pola Fundación Liste coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas, presenta a súa programación para o segundo trimestre de 2013, que contará coa exposición permanente, exposicións temporais, obradoiros, talleres e xornadas.<br />

xoves, 11 abr 2013
1365511141liste.jpg
Dentro das exposicións temporais, teremos "De rezos a conxuros", con máis de cen pezas procedentes da colección privada de Carlos Solla Varela, do Museo Massó de Bueu, do propio Museo Liste e de diversos colaboradores; "Un baleiro útil", con pezas de madeira escavada procedente de diversos países; "Vedacións", mostra fotográfica que ilustra sobre diversas formas de delimitar as propiedades privadas; e "Retretes", baseada nas variadas solucións hixiénicas de antano.

A programación para este segundo trimestre inclúe unha serie de actividades especiais como son a celebración dos Maios, que complementará a súa construción, no museo, con estudos da simboloxía e coplas relacionadas con este evento; o San Xoán, cuxo obxectivo se centra en coñecer e identificar as herbas relacionadas con esta data; o MAIO EN FAMILIA, que terá lugar o sábado 11 de maio; o Día das Letras Galegas, polo que se establecerá unha semana de portas abertas e diversas actividades dirixidas ao público infantil; e o Día Internacional dos Museos, polo que se convocará un "concurso de relatos" aberto ao alumnado de primaria.

No tocante ao CAT, ofertará a exposición permanente de cestería; percorridos urbanos polo barrio histórico da cidade; os encontros "Faladoiros artesáns", que nacen coa intencionalidade de protexer e divulgar os oficios artesanais; e un curso de pasamanería tradicional.

Para concertar as visitas, deberá contactarse co teléfono 986.244.698. En breve, na páxina web www.museoliste.org, poderase atopar información máis detallada, así como as datas de inscrición para aquelas actividades que o precisen.
Descargar todas as imaxes

Máis información