Escoitar

Vigo, única cidade española con miniaeroxeradores integrados no alumeado urbano

O concelleiro de Fomento, David Regades, indicou este mércores que Vigo é a única cidade de España que conta con pequenos aeroxeradores eólicos integrados na rede municipal de alumeado. Estas renovables representan un 20% de enerxía total consumida nas zonas onde están conectadas.

mércores, 10 abr 2013
1365594875regades.JPG
O edil salientou a "aposta seria" do goberno local pola enerxía limpa, disposta en lugares visibles para lograr un efecto "exemplarizante" na sociedade. Regades informou que, hoxe en día, o Concello ten sistemas de aproveitamento enerxético da auga, do aire e da terra, con "estudos avanzados" para implantar xeotermia no futuro centro cívico municipal da Miñoca e no Museo Verbum.

O goberno de Vigo tamén ten plantas fotovoltaicas en Navia e en Santa Cristina e, para consumo na zona disposta, en instalacións do Instituto Municipal dos Deportes e na rúa Pintor Colmeiro, recentemente humanizada.

Sobre os xeradores eólicos, o Concello de Vigo opera actualmente con catro, localizados en Samil, no Vao, en Matamá e na entrada ao Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares. Segundo explicou o edil socialista, o de Matamá é o máis antigo, funciona mediante un sistema de bonificación neto -que desconta a enerxía limpa xerada polo minieólico do consumo total-, e subministra o 40% do gasto total da zona.

O goberno local monitoriza os datos ofrecidos polos catro aeroxeradores -tanto os niveis de enerxía producida como factores ambientais de vento e humidade- e serán publicados próximamente na web do Concello. Tal e como apuntou Regades, actualmente os minieólicos proporcionan o 20% da enerxía da rede aos que están conectados.
Descargar todas as imaxes