Escoitar

Caballero di que o Concello ten "especial querencia polo deporte popular nas rúas de Vigo" na presentación das bicirutas

O Club Ciclista Vigués e o Concello de Vigo presentaron hoxe unha aposta firme polo deporte popular coas bicirutas 2013, unha acción conxunta englobada no programa municipal Deporte e Saúde e que busca gañar actividades e espazo na urbe para o deportista popular.

martes, 5 feb 2013
1360086916Bicirrutas.JPG
Abel Caballero asegurou na presentación destes catro percorridos que "nos gusta especialmente o cicloturismo non competitivo, unha actividade conectada á vida saudable e ao coñecemento de Vigo". A partires dos 10 anos, calquera poderá acudir a estas marchas cicloturistas polo casco urbano, zona de praias ou percorridos máis bucólicos. "É esta a cidade do cicloturismo, e poñémola a disposición de persoas e bicicletas", dixo o rexidor municipal, que explicou que os traxectos deseñados partirán dende a Porta do Sol (tres) e O Calvario (un). Dende o centro chegarase a Cabo Estai, a Bouzas, Samil, Travesas e Castrelos ou á Guía e ao parque da Riouxa, e dende o barrio do Calvario, con saída fronte ao mercado, percorrerase a chamada ruta do auga.

Serán itinerarios de 20 quilómetros, con saída ás 10:30 horas e remate no punto de comezo dúas horas e media despois "con percorridos suaves", aínda que "con algunha sorpresa", din dende o club organizador. "Queremos que a xente nos vexa no centro da cidade", sostivo Carlos Vidal, presidente do Club Ciclista Vigués, entidade con experiencia na organización destes eventos e que traballa a prol da canteira nesta modalidade. Caballero recoñeceu que ten "unha especial querencia por levar o deporte ás rúas" desta urbe e esta é a segunda modalidade, tralo atletismo, que recibe este firme apoio do Concello. "Temos que recuperar as rúas para o deporte e que a cidade poida vivilo véndoo e gozándoo", asegurou.

A única esixencia para participar nesta rutas é dispoñer de casco e bicicleta. Están previstas para este domingo día 10 (a Cabo Estai), para o vindeiro día 24 (Samil), o 10 de marzo (A Riouxa) e o 24 dese mesmo mes (O Calvario).
Descargar todas as imaxes