Escoitar

Programación do Museo Liste-Etnográfico de Vigo para o primeiro trimestre de 2013

O Museo Liste-Etnográfico de Vigo e o Centro de Artesanía Tradicional (CAT), xestionados pola Fundación Liste coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas, presenta a súa programación para o primeiro trimestre de 2013, que contará coa exposición permanente, exposicións temporais, obradoiros, talleres e xornadas.

xoves, 31 xan 2013
1359377998liste.jpg
Dentro das exposicións temporais, "De rezos a conxuros", con máis de cen pezas procedentes da colección privada de Carlos Solla Varela, do Museo Massó de Bueu, do propio Museo Liste e de diversos colaboradores; "Un baleiro útil", con pezas de madeira escavada procedente de diversos países; "Vedacións", mostra fotográfica que ilustra sobre diversas formas de delimitar as propiedades privadas; e "Retretes", baseada nas variadas solucións hixiénicas de antano.

Así mesmo, ofertarase un obradoiro de "Toucados de Danzas", con pezas pertencentes a coleccións privadas de distintas asociacións culturais e folclóricas; o taller de "Instrumentos humildes", e as xornadas para a comunicación baixo o título "Obxectos de poder" formuladas para promover o coñecemento de difusión de aspectos do noso patrimonio etnográfico.

Por último, como actividades complementarias, o museo oferta "A iluminación no mar" e programas con motivo da Candelaria, do Entroido e da Semana Santa.

En canto ao CAT, ofertará a exposición permanente de cestería, unha exhibición de cestos do mar, así como cursos de vimbio (O Canistrelo) e de cestería do mar (A nasa). Ofertaranse tamén percorridos urbanos polo barrio histórico da cidade e os encontros "Faladoiros artesáns", que nacen coa intencionalidade de protexer e divulgar os oficios artesanais.

Os horarios do museo serán, de martes a sábado, de 11,00 h a 14,00 h, e de 17,00 h a 19,00 h. O prezo será de 2,40 €, con prezos reducidos a menores de 12 anos, 3ª idade e estudantes (0,90 €) e para grupos de máis de 10 persoas (0,60 €). Ademais, será gratuíto para os centros de ensino e as asociacións da 3ª idade do Concello de Vigo. Os horarios do CAT serán martes e xoves de 11,00h a 14,00h e os mércores de 17,00h a 20,00h.

Para concertar as visitas, deberá contactarse co teléfono (provisional) 678.993.584; en breve, na páxina web www.museoliste.org poderase atopar información máis detallada, así como as datas de inscrición para aquelas actividades que o precisen.
Descargar todas as imaxes