Escoitar

O Concello de Vigo integrarase no órgano de goberno da Fundación Carlos Casares

mércores, 4 set 2002
O Concello de Vigo acordará nun próximo pleno integrarse no órgano de goberno da Fundación Carlos Casares, que se centrará na difusión e estudio da obra do autor e na promoción da lingua e cultura de Galicia, así como na realización de actividades culturais e científicas de carácter xeral e relacionadas cos intereses do mesmo.

Os membros do padroado nomeados con carácter vitalicio serán Kristina Berg, Xavier Casares Mouriño, Mercedes Casares Mouriño, Hakan Olof Roi Casares Berg e Lars Christian Casares Berg. Estarán representados por un padroeiro o Concello de Vigo, o Concello de Ourense, a Consellería de Cultura, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, Caixagalicia, Caixanova, La Voz de Galicia, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia.

A fundación constituída, unha vez inscrita no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar. O padroado reunirase, cando menos, unha vez ao ano e tantas veces como sexa preciso para o adecuado desenvolvemento da fundación. O domicilio da fundación radicará en Vilariño, Nigrán.