Escoitar

O concelleiro de Deportes aposta pola Supercopa de España, este venres con judokas de cinco países

Galicia afronta un novo reto a nivel internacional no 17º Gran Premio Internacional Cidade de Vigo, puntuable para a Supercopa de España cadete e Memorial Luis Soria. Por segundo ano consecutivo, Navia polariza a atención do judo español.

mércores, 10 out 2012
1349881764deportes.jpg
Máis de 300 deportistas de cinco países competirán no Multiusos de Navia este venres pola Supercopa de España cadete de judo, dende as 9:00 horas, coa novidade de que será o primeiro evento que aplique a nova normativa de idade aprobada pola Unión Europea de Judo a finais de setembro e que deixa esta categoría para judokas nacidos de 1996 a 1998.

Os participantes chegan dende hoxe mesmo, que aterra o seleccionado xermano. Suecia, Alemaña, Portugal e Italia competirán con rivais de trece comunidades autónomas. Galicia acode con ata trece clubs, entre os que se atopa o A.D. Famu vigués. Mario Muzas, presidente da Federación Galega de Judo, considera "idónea" a localización do torneo, en Navia, tras vivir a traxectoria do campionato nas Travesas, Coia, O Berbés e Bouzas. "Nel podemos colocar cinco tatamis e a nivel de organización iso valóranos máis. O ano pasado recibimos a máxima puntuación das tres probas por parte da Española, superando ata á de Madrid", explicou Muzas na presentación da proba.

"Apostamos polo deporte de base e este é outro exemplo máis", informou o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, que considera "básico" o traballo de formación. A achega do seu departamento chega pola vía da subvención e tamén pola da cesión de instalacións, supondo unha parte fundamental para que o torneo póidase celebrar.

Os pesos previstos serán oito para categoría feminina (-40 quilos, -44, -48, -52, -57, -63, -70 e 70) e outros tantos para a masculina (-50, -55, -60, -66, -73, -81, -90 e 90), seguindo o formato de competición do Campionato do Mundo.

Co mellor do judo base español en Vigo, a selección galega intentará manter a colleita de medallas de edicións anteriores (catro en 2010 e o mesmo número en 2011), aínda que nesta edición Galicia presenta deportistas debutantes ao pasar de idade quen se subiron ao podio.

Dende 2010, o evento internacional, antes senior, é para categoría cadete. Puntuable para a Copa de España ese ano, despois converteuse en Supercopa ante o éxito da iniciativa. "Cremos que acertamos co formato", testemuña Muzas. O evento situouse no calendario como unha das principais referencias internacionais do deporte base vigués cada ano.
Descargar todas as imaxes