Escoitar

Comeza o levantamento de actas previas para a ocupación dos terreos do segundo cinto

mércores, 31 xul 2002
O xoves 1 de agosto comeza o proceso de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos que serán utilizados para a construcción do segundo cinto de circunvalación de Vigo. Durante todo o mes pasarán polo Concello os propietarios das 1297 fincas afectadas pola obra.

Os propietarios dos terreos, que xa foron citados, serán atendidos nun espacio habilitado na antesala do Auditorio Municipal. Esta fase do proceso consiste en comprobar a quen corresponde a titularidade de cada parcela e cales son os bens que contén. Máis adiante procederase ao cálculo do prezo de cada expropiación e á ocupación efectiva dos terreos.

O proxecto de construcción do segundo cinto de circunvalación de Vigo ten un presuposto de 85.938.000 euros e un prazo de execución de vinteoito meses. Xa rematou o prazo para a presentación das empresas que optan á realizar a obra, pero ata o día 10 de setembro non se procederá á apertura das ofertas.