Escoitar

Asociacións e voluntarios dispoñen dunha páxina web creada por Participación Cidadá

martes, 30 xul 2002
imx1706.jpg
Logotipo
A Concellería de Participación Cidadá pon a disposición de asociacións e persoas voluntarias un Portal de Voluntariado integrado en www.cidadansvigo.org que contén ofertas de traballo, foros de debate e noticias de actividades dos colectivos relacionadas cos servicios solidarios.

Esta páxina web complementa o traballo da Oficina Municipal do Voluntariado situada na lonxa do Concello. Esta oficina está dedicada a potenciar e cualificar os movementos e programas de acción voluntaria en Vigo, de acordo co establecido no I Plan Municipal de Voluntariado, que pretende incentivar a cultura da solidariedade como factor de desenvolvemento sociocultural.

A dinamización destes movementos precisa, ademais de boas intencións e de medios materiais xa dedicados, dun soporte tecnolóxico que permita achegar a información de xeito especial e permita coñecer as necesidades de actuación voluntaria e a posibilidade de participar nesas accións.

O Portal do Voluntariado é unha ferramenta que a Concellería de Participación Cidadá pon a disposición das asociacións cívicas e dos vigueses de tal xeito que poidan relacionarse e coñecer as necesidades das asociacións e a dispoñibilidade a colaborar no traballo voluntario dos cidadáns. Enténdese como un conxunto de módulos interdependentes integrados coa única función de achegarlle á cidadanía e ás asociacións o recoñecemento e apoio ó labor que desenvolven na sociedade as persoas e organizacións sen ánimo de lucro, facilitándolles o acceso a internet nunha páxina dinámica e interrelacional.

No módulo de Ofertas as asociacións poderán expór a súas demandas e necesidades, explicando a área na que desenvolven a súa actividade e os voluntarios que se precisan. Os cidadáns interesados poderán inscribirse indicando o perfil elixido, ou se non atoparan oferta acorde cos seus intereses poderán anotarse dun xeito xeral, etc.

No módulo de Foros de discusión con temáticas de interese poderán participaren as asociacións e cidadáns.

No módulo de Noticias de interese xeral, poderán informar sobre as súas actividades e informarse de noticias que poidan serlle de interese a nivel estatal, autonómico e local.


MÁIS INFORMACIÓN
Descargar todas as imaxes