Escoitar

O Pleno da Corporación tomou coñecemento do avance do Pxom

luns, 29 xul 2002
O Pleno da Corporación municipal tomou coñecemento do avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal que será sometido a exposición pública durante un periodo de dous meses. Este avance será publicado Diario Oficial de Galicia e, durante os meses de agosto e setembro, o documento poderá ser consultado en dependencias municipais e vai ser remitido a todos os concellos da Mancomunidade para que coñezan o seu contido e realicen as aportacións que consideren oportunas.

Fundación Marco

O Concello de Vigo participará na fundación Marco como entidade fundadora para o que achegará unha cantidade inicial de 6.020 euros, en concepto de dotación patrimonial, e de 54.091 euros para equipamento de primeiro establecemento. Comprometeuse tamén ó financiamento dos gastos derivados do seu funcionamento durante os exercicios 2002 e 2003 polos importes de 412.202 euros e 900.150 euros.


Presentación de proxectos de obra de aparcamentos

Requiriráselle á empresa concesionaria dos aparcamentos públicos das prazas de Portugal e Porta do Sol que, no prazo de 15 días, proceda a presentar o proxecto e orzamentos previos á execución das obras de conservación que comprendan a totalidade das reparacións ás que se fai mención nos informes do enxeñeiro municipal.

Ademais, desestímanse as alegacións formuladas pola entidade Interparking Hispania S.A. ó non resultar desvirtuados os fundamentos técnicos e xurídicos que determinaron a adopción dun acordo plenario en relación coa súa obriga de conservación e mantemento das instalacións dos aparcamentos subterráneos da praza de Portugal e Porta do Sol do que son concesionarios.