Escoitar

A sala de exposicións da Casa da Xuventude conclúe unha rolda de mostras de novos artistas

venres, 26 xul 2002
A sala de exposicións da Casa da Xuventude vén de rematar unha rolda de mostras que comezou a principios de abril. En total, foron 8 as exposicións que acolleu nestes tres últimos meses e contaron cunha grande afluencia de público. Esta sala serve de plataforma de lanzamento para os novos artistas vigueses que poden dar a coñecer a súa obra a través desta iniciativa da Concellería de Xuventude.

A primeira das mostras pertenceu ó ceramista Xulio Pérez Conde, que amosou unha variedade de pezas de deseño propio coas que demostrou grande creatividade e imaxinación provocando a admiración dos visistantes que acudiron á mesma. A continuación tivemos a oportunidade de coñecer, mediante outra exposición, o funcionamento dunha das grandes ONGs actuais, Médicos do Mundo, que organizou unha mostra adaptada para visitas de grupos con paneis explicativos acerca do seu funcionamento e estructura interna. Rematada esta mostra iniciouse outra de carácter pedagóxico dun colectivo de pintores novos titulada “Volúmenes V”, na que se realizaron diferentes visitas de alumnos de ensino medio e que tiña por finalidade aportar unha visión frente ós esterotipos de beleza existentes na nosa sociedade. Xa a finais de maio o colectivo Tamt expuxo as obras dos rapaces e rapazas que o forman, poidendo atopar nesta mostra autéticos artistas xoves que nun futuro poderían solicitar esta sala de xeito independente para amosar xa a súa obra.

A seguinte mostra correspondeu ó “Certame de Pintura Xuvenil” organizado pola Concellería de Xuventude ó que acudiron case 100 obras de xoves dos institutos vigueses, e durante a cal se realizou a entrega de premios e accesits. Tras este concurso tivo lugar unha mostra do colectivo de alumnos de Carmen Bernal que xa non foi a primeira que fixeron. Anualmente solicitan a sala para amosar os traballos dos rapaces e rapazas que están aprendendo para que nun futuro sexan eles quen a solicite.

A principios de xullo iniciouse unha peculiar e chamativa mostra de xoiería de autor. Entre outras estiveron expostas obras de alumnos da Escola de Xoieiría do Atlántico e de creadores de fóra de Galicia, o cal resultou realmente atractivo e gustoulle moito ó público. E como remate, a derradeira mostra, que está a piques de finalizar, é a cargo do Clube Xoves pola Saúde, composta polos traballos dos obradoiros que os membros do mesmo realizan durante o ano e relativos ó tema da saúde. Tras esta mostra a sala permanecerá pechada no mes de agosto mentres se prepara outra nova rolda que se iniciará coas ilustracións de Manuel López o 10 de setembro e que se comporá doutras 8 mostras diferentes.