Escoitar

O documento de avance do Pxom someterase a exposición pública durante dous meses

mércores, 24 xul 2002
O Goberno municipal decidiu someter a exposición pública durante un periodo de dous meses o documento de avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Durante os meses de agosto e setembro o documento elaborado polo equipo redactor do Plan poderá ser consultado en dependencias municipais. Ademais, vai ser remitido a todos os Concellos da Mancomunidade para que coñezan o seu contido e realicen as aportacións que consideren oportunas.

Así mesmo, o Goberno municipal acordou realizar exposicións divulgativas das propostas máis novidosas que contén o documento. Estas mostras levaranse ás sedes das asociacións veciñais de cada barrio para que os veciños poidan coñecer as propostas específicas que se realizan para o seu ámbito territorial. Aquelas asociacións que dispoñan de material informático contarán tamén co documento en soporte CD-ROM para que poida ser consultado por calquera persoa que o desexe. Asemade editaranse uns trípticos nos que se resumirán os aspectos máis salientables do avance do PXOM.