Escoitar

O Concello patrocina un certame de música folk na praza do Berbés

mércores, 31 xul 2002
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural patrocina, o xoves 1 de agosto a partir das 23.00 horas na praza do Berbés, a terceira semifinal galega do concurso Galicia Sonsfolk 2002 que contará coa participación dos grupos Alvariza, Árdelle o Eixo e Pohemia.

Este certame convócase para que os novos grupos da música galega poidan dar a coñecer o seu traballo ao público galego. Esta é a cuarta edición que se celebra e na anterior o gañador foi o grupo Noitébregos.

GALICIA SONSFOLK está dirixido a grupos e solistas de música folk, celta ou popular e nesta edición comezou a andar o venres 19 de xullo na praza de Santa María de Lugo coa celebración do primeiro dos concertos clasificatorios do que sairá un dos catro grupos que participarán na gran final.

O certame está organizado pola compañía discográfica SONS GALIZA, que nesta ocasión conta tamén coa colaboración da empresa cervexeira ESTRELLA GALICIA, o IGAEM e os concellos de LUGO, SARRIA, VIGO, CHANTADA e VIVEIRO. A final do concurso será en Viveiro, o 7 de setembro.

ALVARIZA

Alvariza nace co ánimo de cubrir un oco baleiro no eido da música tradicional e co firme propósito de desvirtuar o máis puro do material de campo que recollen e que forma parte esencial do ideal do grupo. Está formado por un grupo de rapaces animados que pulan para que as nosas raíces non se perdan e para conservalas como legado que está a desaparecer na memoria esquecida dos nosos maiores.

Alvariza ten actuado por parte de Galicia cabe destacar a participación no concurso GALICIA SONS FOLK do ano 2001 e o 2º posto no concurso organizado pola cadea de radio, RADIO OBRADOIRO, así coma o festival Folk, MILLADOIRO FOLK 2001.

ÁRDELLE O EIXO

Grupo de música folk nacido en decembro de 1997 en pleno Val do Ulla. O grupo xurdiu dunha reunión de amigos unidos polo común gusto pola música. Evolucionou nestes anos de nove músicos a sete, logrando así unha maior forza de empaque nos seus concertos así como a identificación total do seu propio estilo. Ritmos frenéticos mestúranse con pausadas melodías, composicións tradicionais con novas músicas e estilo, temas de composición propia con versións.

Ten actuado en numerosas localidades da nosa comunidade comezando por diversos pobos dos concellos de Vedra, Boqueixón, Touro... e diversos festivais de música folk.

POHEMIA

Pohemia nace en Lugo no ano 1997, aínda que moitos dos compoñentes xa estiveran ou colaboraran noutras formacións. O seu estilo pode considerarse
folk fussion, tomando como bases os sons das gaitas, batería e wistles incorporan instrumentos modernos como guitarras, batería e teclados e facendo uns arranxos doutros estilos musicais como funki, pop ou rock. Actualmente gravan o seu primeiro disco.