Escoitar

O Promil realiza obras de ensanchamento de beirarrúas en diversos puntos da cidade

luns, 22 xul 2002
A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, cunha brigada do Promil, procederá ó ensanchamento das beirarrúas na rúa Ourense, baixo a ponte de Camelias, e no entorno do colexio Vista Alegre de Cabral.

Coa finalidade de facilitar o tránsito dos peóns, especialmente do alumnado do colexio Doutor Fleming, ensancharanse as dúas beirarrúas que quedan baixo a ponte na rúa Ourense, xa que o paso era tan estreito que resultaba case imposible que pasase máis dunha persoa.

Dentro do plan de actuacións do Promil en Cabral, está en construcción unha beirarrúa desde o colexio Vista Alegre ata a avenida da Ponte, deste xeito, os alumnos poderán ir desde os autobuses ata o centro educativo cunha maior seguridade. Ás horas de entrada e saída do colexio había dificultades tanto para o tránsito das persoas como para o paso de vehículos nunha rúa estreita e sen beirarrúas adecuadas.

Ademais, concluíronse as obras de construcción da beirarrúa na rúa Arieiro, xunto ó Inserso. Rematouse tamén a beirarrúa xunto coa recollida de augas pluviais en Santamariña, no tramo que vai desde a rúa Sardomela ata a avenida da Ponte. Nestes momentos, está en construcción en Sardomela un tramo de beirarrúa de 40 m de lonxitude.

A pavimentación de camiños en Coruxo e Valadares, o alumeado do vial á Cidade Universitaria e o paseo de Samil ó Museo do Mar, onde se está a facer unha rotonda na marxe do camping e unha base para os colectores de lixo, son outras das actuacións realizadas polo Promil.

A necesidade social é determinante á hora do proceso de selección destas brigadsa de peóns valorándose, entre outros, o nivel de renda por unidade familiar, as cargas familiares e a antigüidade no desemprego.

O Promil representa unha das principais referencias do Plan Municipal de Emprego, constituíndo unha nova ferramenta de apoio á inserción laboral dos desempregados de longa duración, pioneira en Galicia. Tamén hai que destacar que estas contratacións se regulan polo convenio colectivo do Plan Municipal de Emprego, que é un instrumento básico á hora de desenvolver os planos e programas municipais de fomento de emprego.