Escoitar

A Xustiza avala a legalidade do proceso da oferta pública de emprego do Concello de Vigo

O xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo desestimou o recurso interposto polo sindicato CCOO contra a designación dos membros dos órganos de selección dos tribunais dos procesos selectivos correspondentes á Oferta Pública de Emprego 2008. O rexedor solicitou esta mañá disculpas as institucións de Galicia que cuestionaron o proceder do Goberno municipal.

venres, 4 mai 2012
O alcalde de Vigo avanzou esta mañá de venres que a Xustiza avala a limpeza e transparencia do proceso administrativo da posta en marcha da oferta pública de emprego 2008. Así o di o xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo, que desestimou o recurso interposto polo sindicato CCOO contra a designación dos membros dos órganos de selección dos tribunais deste proceso selectivo.

Segundo recolle o auto textualmente: da demanda non se desprende a vulneración de ningunha das esixencias legais contidas nos preceptos mencionados para a composición dos tribunais de selección. Durante a rolda de prensa, o rexedor referiuse tamén a outro parágrafo da sentencia de 2 de maio que di: "tampouco existe ningunha proba de que ningún dos designados actuara en representación de algunha organización sindical ou por conta da mesma (…) sendo irrelevante a afiliación sindical dalgúns dos designados, afiliación que de por sí mesma non lles inhabilita para ser membros do órgano de selección nin tampouco permite arroxar sobre a súa actuación ningunha dúbida de parcialidade ou arbitrariedade".

Á vista desta setenza favorable ao Concello de Vigo, Caballero solicitou disculpas a todas as institucións de Galicia que cuestionaron o proceso, avanzando que "hoxe mesmo lles enviaremos a sententenza".