Escoitar

O Concello iniciará a demolición parcial do edificio "ilegal" de Churruca a mediados de xaneiro

A concelleira de Urbanismo, Carmela Silva, avanzou que o Concello iniciará a demolición parcial de parte do edificio ilegal de Churruca a mediados do próximo mes de xaneiro, cumprindo deste xeito un mandato xudicial. Así o indicou esta mañá, logo de que se reunira a mesa de contratación para valorar as ofertas das nove empresas que aspiran a executar a sentenza xudicial, na que o Concello actúa como responsable subsidiario.

mércores, 14 dec 2011
A concelleira de Urbanismo, Cascos Históricos e Grandes Proxectos, Carmela Silva, anunciou hoxe que a execución da sentenza xudicial que obriga ao Concello a actuar como responsable subsidiario na demolición parcial do edificio "ilegal" de Churruca podería iniciarse a mediados do próximo mes de xaneiro. A edil avanzou que esta mañá se reuniu a mesa de contratación para valorar as nove empresas que presentaron oferta e, dado que na valoración técnica determinouse que 4 delas poderían incurrir en baixa temeraria, a mesa de contratación decidiu posponer a adxudicación ata o mércores que ven, para que as devanditas aspirantes poidan xustificar que coa súa oferta poden facer fronte á demolición.

A continuación, proseguiu, o venres 23, o expediente irá ao Consello da Xerencia e "de xeito inmediato" a empresa adxudicataria visitará as obras, se determinarán os realoxos e, "como non, nos reuniremos cos veciños para facilitarlles información e garantías", explicou. Silva engadiu que nun mes iniciarase a demolición dun edificio que "leva dez anos en litixios e que, como noutros moitos casos, é o Goberno socialista o que lles está a dar resposta e estes problemas tan frecuentes nesta cidade e agora inexistentes", concluíu.