Escoitar

Santi Domínguez salienta o éxito da Pinacoteca, con máis de 2.600 visitas, e anuncia un plan de visitas guiadas específicas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoves o Plan Divulgativo da Pinacoteca do Museo da Cidade "Quiñones de León", que comezará a vindeira semana con visitas guiadas específicas para colectivos con necesidades especiais, co obxectivo de que todas e todos "poidan gozar dos grandes tesouros da plástica galega", así como cun programa de visitas para cruceiristas. Estas visitas completaranse coa "Ruta da historia", que se desenvolverán os sábados ás 11 horas dende O Castro. O nacionalista destacou o éxito da Pinacoteca, que dende a súa apertura hai dúas semanas recibiu xa a visita de máis de 2.600 persoas para coñecer a exposición inaugural "O fermoso rostro do país".

xoves, 7 abr 2011
1302179863Pinacoteca.JPG
Santi Domínguez afirmou que un dos obxectivos do Plan Divulgativo da Pinacoteca é seguir potenciando a igualdade de oportunidades en Vigo para toda a cidadanía, eixo das áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía. O nacionalista avanzou que, ademas das visitas guiadas que se poden facer habitualmente, as primeiras visitas guiadas para os colectivos específicos serán as que se desenvolvan en colaboración coa Fundación Menela. Este proxecto tamén inclúe unha "oferta turística específica", en verbas do tenente de alcalde, dirixida aos visitantes que se acheguen a Vigo nos cruceiros.

O Plan Divulgativo contempla igualmente a realización de actividades complementarias. Entre elas, o tenente de alcalde citou a celebración dunha conferencia a cargo de Carlos Bernárdez, comisario da mostra exposta na Pinacoteca, que falará sobre as creacións artísticas en Galiza na época da República e a Guerra Civil, que terá lugar o vindeiro 15 de abril na Casa Galega da Cultura. Outro das actividades que mencionou foi o acto que servirá de homenaxe ás e aos artistas galegos o vindeiro 30 de abril e no que oficialmente se bautizará á Pinacoteca co nome de Francisco Fernández del Riego. Avanzou tamén que o 5 de maio tamén está prevista a celebración dunha mesa redonda sobre a creación plástica en Galiza.

O tenente alcalde asegurou que co traballo desenvolvido nas áreas de Cultura e Patrimonio Histórico nestes castro anos "estamos conseguindo que Vigo teña referentes culturais importantes" e que moitos visitantes de fora da cidade cheguen atraídos por ela. Neste sentido indicou que a cidade conta co xacemento arqueolóxico máis visitado de Galiza, xa que o poboado do Castro leva recibidas preto de 40.000 visitas dende a súa apertura e engadiu que o museo de Castrelos Quiñones de León tamén incrementou o número de visitantes tras a inauguración da mostra sobre a historia da cidade. Como exemplo desta repercusión da oferta cultural de Vigo comentou que mañá 45 alumnos e alumnas do Escola de Educación Social de Santiago visitarán a cidade para coñecer o xacemento do Castro, a Pinacoteca e o museo Verbum. "O compromiso coa vertebración da rede museística de Vigo "está conseguido a día de hoxe e será completado co novo Centro Galego de Fotografía", asegurou.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, explicou que a posta en marcha da "Ruta da historia", os sábados ás 11 horas, vén dada polo éxito acadado pola última convocatoria do programa Camiña e Coñece, que o pasado domingo reuniu a máis de 200 persoas. Por outra banda, ademais de salientar o alto número de visitantes que xa recibiu a Pinacoteca, puxo en valor os datos dende o seu punto de vista cualitativo. Ao respecto indicou que a valoración dos visitantes é "moi alta", xa que outorgan un sobresaínte a todo o proxecto. "É moi importante que a xente visite a Pinacoteca, pero é tamén moi importante que a súa valoración sexa positiva", sinalou.

O director do museo de Castrelos, José Ballesta, defendeu o "esforzo divulgativo" que se está a facer, xa que ao seu xuízo é un único xeito de "garantir o público no futuro". Destacou o éxito acadado polas visitas guiadas ao cemiterio de Pereiró e comentou o incremento das visitas ao Museo Quiñones de León, que xa superaron as 2.000 dende que se inaugurou a mostra "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade". Respecto á Pinacoteca, confirmou o éxito das visitas guiadas que teñen lugar todos os días pola mañá e pola tarde.
Descargar todas as imaxes