Escoitar

O goberno local "rinde contas" ante á cidadanía da "transformación" da urbe nos últimos catro anos

O alcalde, Abel Caballero, e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, encabezaron este mércores a presentación do balance da xestión do actual goberno local nestes últimos catro anos, definidos como os da "transformación dunha cidade". As humanizacións, a recuperación dos cascos históricos e a atención á cidadanía para paliar os efectos da crise centraron o resumo da acción do goberno local, destacando as actuacións de mellora tanto no centro urbano como nas parroquias e no rural.

mércores, 16 mar 2011
1300293644balance.jpg
O goberno de Vigo "rendiu contas" este mércores ante a cidadanía viguesa da xestión do mandato 2007-2011 próximo a concluir, definido como os anos da "transformación dunha cidade".

En liñas xerais, a xestión do executivo municipal centrouse nas máis de 250 rúas humanizadas en toda a cidade, na recuperación de preto de 40 rúas dos cascos históricos de Vigo e nas actuacións municipais para loitar contra a crise, principalmente en materia de benestar social, educación e emprego; investimentos totais superiores aos 300 millóns cunha débeda rebaixada ata converter a Vigo na cidade en réxime común menos endebedada de España.

Tanto o alcalde, Abel Caballero, como o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, enfatizaron a acción dun "único" goberno "estable", que mantivo algunha discrepancia ao estar conformado por dúas forzas políticas, pero que chegou aos acordos necesarios para cumrprir o pacto asinado e levar as actuacións a toda a cidade, o centro urbano, as parroquias e o rural.

Xunto ás humanizacións, o balance salientou a renovación e construcción dun total de 112 parques infantís, as 16.000 novas vivendas conectadas á rede pública de saneamento e abastecemento e as novas dotacións como os bancos, as pistas deportivas, as áreas saudables e os máis de 330.000 metros cadrados de zonas verdes.

En materia educativa, xunto á chegada da Escola Superior de Arte Dramática e dos estudos da UNED á cidade, o goberno vigués subliñou as máis de 900 becas para estudar en inglés no estranxeiro, as becas de comedor para os máis desfavorecidos, as reformas nos comedores escolares e nos centros educativos e as novas escolas infantís que entrarán en funcionamento no próximo curso.

Precisamente as becas de libros e comedor, así como as axudas ás familias, incrementáronse nun 40% neste mandato con respecto ao anterior, grazas a un orzamento en Benestar Social que duplicouse ata chegar aos 10 millóns de euros; unha acción integral que fixo de Vigo acredora do Premio Nacional de Accesibilidade de COCEMFE.

No tocante ao emprego, o Concello cifrou en máis de 11.000 os postos de traballo creados grazas aos investimentos xerados polo goberno municipal, a través dos propios orzamentos locais, os plans de emprego específicos e os Plans E.

A consecución das grandes infraestruturas e demandas de Vigo tamén tiveron especial relevancia no acto deste mércores, como o convenio de construcción da nova depuradora, o Auditorio "Mar de Vigo" en Beiramar, os túneles de acceso do AVE a Urzáiz, as estacións ferroviarias, a licitación da ampliación da ponte de Rande, a Pinacoteca, o Xulgado e Rexistro Mercantil, a nova terminal e aparcadoiro de Peinador e a apertura da ETEA, entre outras.

O resumo dos catro anos de mandato tamén tocou melloras nas áreas de Xuventude, Igualdade e Normalización, Mobilidade e Seguridade, Cultura e Vivenda, Limpeza e sostibilidade entre outras. O deporte, o comercio e a promoción turística tamén ocuparon espazo relevante nas actuacións municipais, sumando investimentos millonarios nestes últimos catro anos.
Descargar todas as imaxes