Escoitar

Preto de 3.000 bailaríns participarán na celebración do Día da Muiñeira

xoves, 23 mai 2002
Festas e Animación Sociocultural organiza, a través da Escola Municipal de Danza, o Día da Muiñeira que congregará o domingo 26 de maio na rúa Venezuela a 2.920 participantes de toda a provincia. Este é o primeiro dos actos anuais de folclore tradicional organizados en colaboración con El Corte Inglés.

Afeccionados á danza e música tradicionais terán esta fin de semana a oportunidade de asistir ao primeiro dos eventos organizados pola Escola Municipal de Danza. O ”Enxalzamento do traxe” e a ”Mostra do traxe tracional” serán as seguintes celebracións en Vigo.

O director da Escola Municipal de Danza, Wenceslao Cabezas ”Polo”, explicou que na primeira edición do Día da Muiñeira, celebrada a carón da estación marítima, participaron 150 persoas. Trinta e dous anos despois serán case 3.000 os participantes. O Concello porá 40 autocares á disposición dos bailaríns de fóra de Vigo para o seu traslado.

As bandas de gaitas de Sanguiñeda e de Bembrive realizarán inicialmente un desfile para abrir o evento e logo tocarán nun dos palcos situados entre as rúas Venezuela e Panamá.