Escoitar

O Concello moderniza o alumeado público de Teis

mércores, 22 mai 2002
A Concellería de Servicios Electromecánicos realiza unha actuación no barrio de Teis co obxecto de corrixir as caídas de tensión orixinadas nas liñas de abastecemento da iluminación pública e substituír as luminarias existentes por outras de maior rendemento lumínico. O orzamento previsto é de 53.181 euros (8.848.000 pesetas).

As modificacións, xa iniciadas, realízanse no Camiño Arnela, Camiño Real, Baixada á Rotea, Camiño Caxide, Laranxo, Chumba, Cacharela e travesías dos mesmos viais. A substitucción de luminarias chegará ata as 170 unidades e tamén se instalarán 3.100 metros de cable de aluminio, así como un centro de mando que permitirá controlar o encendido e apagado das mesmas e corrixir as posibles anomalías que se produzan.

En concreto, substituiranse as luminarias existentes abertas con lámpada VMCC de 80W por outras pechadas e equipadas en alto factor de potencia con lámpadas VSAP de 70W de maior rendemento lumínico.