Escoitar

O vindeiro luns ponse en marcha a ”Circular 6”

mércores, 22 mai 2002
O vindeiro luns, 27 de maio, darase outro paso no proceso de remodelación das liñas do transporte público urbano coa posta en marcha da “circular 6”. Esta nova liña prestará un servicio de forma regular aos veciños das parroquias de Castrelos, Beade e Bembrive.

O circular 6 unirá as devanditas parroquias co centro de Vigo e terá dous sentidos de circulación, co cal se consegue que pase un autobús cada media hora por todas elas. A nova liña permitirá enlazar Beade e Bembrive e con ela duplicaranse a presencia de autobuses urbanos e de viaxes nese percorrido. Outra novidade é que nun dos sentidos a liña pasará pola praza Elíptica e pola avenida Hispanidade, dúas zonas da cidade que ata agora carecían de servicio de autobús urbano.

O traxecto do circular 6 é o seguinte:

Sentido 1—Beade (igrexa), Centro Cultural, Bembrive, Bagunda, Martínez Garrido, Jenaro de la Fuente, Pizarro, Brasil, Gran Vía, Praza Elíptica, Panamá, Venezuela, Vía Hispanidad, Praza de América, Avda. de castrelos, Pereiró, Falcoa, Beade.

Sentido 2—Beade (igrexa), Falcoa, Pereiró, Avda. Balaídos, Avda. Fragoso, Praza de América, Camelias, Venezuela, Pizarro, Jenaro de la Fuente, Martínez Garrido, Bagunda, Bembrive, Beade.

O circular 6 comezará as súas viaxes os días laborables ás 6:22 horas e realizará o derradeiro traxecto ás 22:40 horas. Os sábados o horario redúcese ao periodo comprendido entre 9:12 e 22:12 e os festivos circulará entre 10:12 e 22:12.

O día 27 implántase tamén un novo percorrido para a liña L14, que substitúe ás antigas 14 e 23. A L14 unirá Chans (Bembrive) coa praza Elíptica e a Gran Vía. Este autobús circulará por Moledo, Miraflores e a estrada provincial.