Escoitar

Caballero agradece o apoio dos veciños na humanización de Tomás Alonso, que continúa con 1,2 millóns de investimento

O alcalde visitou este luns os traballos de humanización de Tomás Alonso, entre a curva de San Gregorio e a Praza da Industria, 1,2 millóns de euros que dan continuidade á primeira fase xa rematada entre Peniche e a devandita Praza. Abel Caballero salientou o "magnífico equilibrio" acadado cos veciños para poder anchear as beirarrúas, manter a dobre dirección e conservar un importante número de aparcamentos na zona.

luns, 30 ago 2010
1283172190talonso.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu hoxe luns a colaboración prestada polos veciños para levar adiante a segunda fase da humanización de Tomás Alonso, actualmente en obras, e que une a Praza de Eugenio Fadrique e a curva de San Gregorio.

Nunha visita aos traballos de humanización, Caballero aseverou que a cooperación veciñal permite anchear as beirarrúas de Tomás Alonso, manter a dobre dirección de circulación e conservar un número importante de prazas de aparcamento, dotando dun "magnífico equilibrio" á reforma.

Esta segunda fase da humanización de Tomás Alonso representa un investimento municipal de 1,2 millóns de euros, un total que ascende a 2,5 millóns contando coa primeira fase xa rematada entre Peniche e a Praza da Industria. "Só" o investimento nesta rúa "é a metade" de todo o acometido en Vigo no mandato anterior, indicou Caballero.

O alcalde recordou que a segunda fase de Tomás Alonso foi unha demanda veciñal presentada o pasado ano ao propio Caballero -cando estaba en obras a primeira- e avanzou ademais que esta rúa verá posteriormente unha terceira etapa da súa mellora.

Abel Caballero salientou os "materiais de alta calidade" que empréganse nesta humanización, con granito nas beirarrúas, renovación das redes soterradas de saneamento, abastecemento e pluviais -ademais da singularización dos cableados-, arborado, novos puntos de luz, papeleiras, bancos e xardineiras.

O socialista fixo especial fincapé no cambio do saneamento e do abastecemento da rúa, que atopábase nunha "situación lamentable" que "Vigo non pode tolerar". O proceso de "modernidade" no que está inmersa a cidade, indicou o rexedor, ten que ir máis aló do "embelecemento da superficie".
Descargar todas as imaxes