Escoitar

María Méndez destaca o aumento de solicitudes de Risga, dependencia e emerxencia social no primeiro semestre de 2010

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo este mércores balance do servizo de Atención Primaria municipal correspondente aos seis primeiros meses de 2010. Na súa intervención, a edil nacionalista destacou o incremento do 29% de solicitudes das Risga, o aumento do 35% as correspondentes a dependencia e a subida do 18% das axudas de emerxencia social.

mércores, 11 ago 2010
1281530294primaria.JPG
Para María Méndez, o servizo de Atención Primaria é unha das principais ferramentas da Concellería de Benestar Social "no obxectivo de traballar para a xente". Explicou que se presta nas once UBAS, unidades básicas de atención social, que teñen cinco localizacións diferentes nas instalacións de Coia, Praza do Rei, Praza da Princesa e as rúas Martínez Garrido e Doutor Cadaval. Por zonas, todas teñen unha distribución similar de intervencións, aínda que repunta a de Castrelos.

Respecto aos datos globais de intervencións realizadas, a responsable de Benestar Social afirmou que no primeiro semestre de 2010, nestas UBAS realizáronse un total de 7.347 intervencións, que supuxeron a atención de 5.672 unidades familiares. Neste sentido, fixo fincapé en que desta cifra, 2.012 familias era a primeira vez que se achegaban por primeira vez a este servizo, o que supón o 39%.

María Méndez sinalou que as principais demandas realizadas nestes seis meses polos usuarios e usuarias refírese á solicitude de información xeral e orientación sobre os recursos existentes, as prestacións económicas e de vivenda, como a Risga, as prestacións de inserción social e laboral e información sobre a lei de dependencia.


Precisamente sobre a lei de dependencia, a concelleira de Benestar Social destacou que o seu departamento recibiu 690 solicitudes nos seis primeiros meses de 2010, fronte ás 448 rexistradas no mesmo periodo do ano anterior, o que supón un aumento do 35%. Segundo María Méndez, este eido conleva un "extraordinario traballo", xa que no que va de ano se realizaron 6.776 entrevistas e 2.419 visitas domiciliarias.

María Méndez salientou asemade que no que vai de ano tamén se incrementaron as solicitudes da Risga, ao pasar das 374 nos seis primeiros meses de 2009 a 531 no primeiro semestre de 2010, de xeito que o incremento é do 29%. A concelleira nacionalista explicou este aumento vén dado polo feito de que as persoas que rematan as prestacións por desemprego e non atopan traballo acuden a Benestar Social para solicitar esta prestación.

Pola súa banda, as solicitudes para as axudas de emerxencia social, destinadas ás persoas en situación de extrema necesidade, experimentaron un incremento nos seis primeiros meses de 2010 do 18%, ao pasar de 568 no primeiro semestre de 2009 a 694 no mesmo periodo do ano en curso.

"Estes incrementos indican que os servizos sociais teñen que seguir medrando", asegurou María Méndez. Ao respecto lembrou que dende a chegada do BNG ao goberno municipal implementáronse novos programas, incrementouse o número de persoas traballando nos servizos sociais aumentouse o orzamento considerablemente.

A concelleira de Benestar Social tamén fixo referencia ao sistema de cita previa, posto en marcha o ano pasado. Destacou que este ano xa está "totalmente consolidado" e que mediante este sistema se atenderon un total de 5.186 persoas. Respecto a súa distribución por sexo, manifestou que o 65% das persoas atendidas son mulleres, debido ao seu rol de coidadoras. No tocante á súa distribución por idade, María Méndez indicou que o 45% teñen entre 30 e 50 anos, mentres que o 20% son persoas de máis de 70 anos.
Descargar todas as imaxes